A Xunta carga contra Amazon: "É o inimigo do comercio local de Galicia"

O BNG pide unha moratoria de implantación de centros comerciais e o PSdeG reduce a estratexia de comercio a "moita palabrería pero pouca concreción".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2025 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, sinalou a Amazon como "o inimigo" do comercio local galego, polo que aposta por "facer pedagoxía" entre os mozos para "tratar de convencer de que compren no comercio local" no canto de forma en liña. Nunha comparecencia no Parlamento, González deu conta do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, xa presentado a finais de marzo no Consello da Xunta e que conta con 320 millóns para 74 accións específicas nun sector no que hai 32.000 establecementos e 107.000 empregos.

Durante o debate, a deputada do BNG Carmela González Igrexas alertou de que en Galicia se construíron "unha de cada tres" grandes superficies comerciais de España desde 2020, o que define como unha "brutalidade". Por iso, esixe á Xunta declarar á comunidade como "zona saturada" e implantar unha moratoria de implantación de grandes centros comerciais.

Respecto diso, o conselleiro defendeu que as grandes superficies, "mal que lle pese ao Bloque, tamén é comercio de Galicia". De feito, pon en valor que "crean emprego", o que contrasta con Amazon, que "crea pouco" traballo, pois "se está aproveitando" dos comercios locais "para que sexan os seus almacéns". "Ese si é o inimigo", resume en referencia á multinacional estadounidense.

Por iso, o conselleiro de Comercio avoga por facer "moita pedagoxía coa xente nova" e di "tentar facelo en casa" el mesmo co seu tres fillos. "Cada vez que compramos por Internet estamos a contribuír a que se acumule, fixar como estou a falar, moitísima riqueza nunha parte do mundo, en concreto onde están as grandes tecnolóxicas", afirmou.

A ESTRATEXIA: "UN PASO DECISIVO CARA AO FUTURO"

De tal forma, José González subliñou que esta "ambiciosa" estratexia supón "un paso decisivo cara ao futuro do comercio en Galicia". Defende que tivo unha ampla participación para a súa elaboración con 300 representantes do sector. Entre outras cuestións, destaca a campaña 'Localízate', dirixida a que os mozos de 12 a 18 anos xeren vínculos de valor co comercio de proximidade.

"DEFICIENCIAS IMPORTANTES"

En cambio, Carmela González Igrexas (BNG) criticou "deficiencias importantes" nesta estratexia, que chega tarde para frear a "sangría" de máis de 9.000 pequenos negocios pechados nos 16 anos de goberno do PP na Xunta. Reproba que nas súas reunións non se contou coa "pata fundamental" das organizacións sindicais e cre que falta a "primeira medida": facer unha nova lei de comercio de Galicia, posto que a actual data de 2010 e o comercio non ten "nada que ver co de hai 15 anos".

Paquetes de Amazon
Paquetes de Amazon | Fonte: Wired Uk

Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) reprochou que a Xunta xa persentó o 31 de marzo esta estratexia, polo que reduce esta comparecencia parlamentaria a un "novo foco de difusión e propaganda para o PP". Sostén que este plan é "moita palabrería pero pouca concreción" ao recoller só accións "xenéricas e abstractas". Acusa á Xunta de non sentarse a dialogar con representantes da administración local, dado que "non hai ningún concello gobernado por alcalde ou alcaldesa socialista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta