Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/04/2025 | Actualizada ás 13:00
Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, obtivo un beneficio neto de 90,27 millóns de euros en 2024, o que supón un crecemento do 9,3% en comparación cos 82,57 millóns que gañou un ano antes.
Segundo os datos presentados este venres pola compañía e remitidos á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), este incremento foi debido ao aumento dos seus ingresos por parte das peaxes pagas polos usuarios e pola subida das achegas realizadas pola Administración central en concepto de peaxes en sombra e bonificacións.
En total, a compañía ingresou preto de 210,1 millóns de euros, un 9,1% máis, dos que 148,2 millóns (+10,7%) foron ingresos dos usuarios (tendo en conta un desconto establecido por Audasa).
Ademais, a Administración achegou 61,9 millóns, un 5,8% máis, sendo 13 millóns por peaxes en sombra, un 3,2% máis; 42,2 millóns por bonificacións, un 15% máis, e 6,7 millóns por limitación de tarifa, un 27,1% menos.
Desta maneira, o resultado de explotación de Audasa en 2024 subiu ata os 129,6 millóns de euros, un 6,6% máis, cun resultado antes de impostos de 120,4 millóns, crecendo un 9,3%.
USUARIOS
Así mesmo, o número de vehículos que circularon pola AP-9 o ano pasado creceu un 4,1%, ata 26.505 ao día. O número de coches que pasaron polas súas peaxes cada día en 2024 foi de 23.655, incluíndo as peaxes en sombra, un 4,22% máis.
Entre outros datos, o 74,6% dos usuarios optou pola telepeaxe, subindo 10 puntos desde 2021 e dous puntos e medio desde 2023. As vías automáticas foron utilizadas polo 24% dos clientes e un 1,5% elixiu vías manuais.
Audasa destacou que destinou 6,3 millóns a mellorar a AP-9 con "tres grandes intervencións" en 2024, como o viaduto de Portas, en Pontevedra; o de Solláns, na Coruña, e a pasarela peonil de Elviña, tamén na Coruña. Ademais, 2,1 millóns destinou a investimento ambiental, un 33% máis.
En canto a emprego, Audasa xera 327 empregos directos, así como preto de 590 empregos directos e indirectos. Deste total, case un 50% son mulleres, "a cifra máis elevada ata á data".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.