Por Galicia Confidencial | Carnota | 09/12/2016 | Actualizada ás 18:00
A Federación Galega de Montañismo (FGM), a maior organización galega de montañistas decidiu dedicar o Día Internacional das Montañas 2016 ao Monte Pindo Para iso, e en colaboración coa Asociación Monte Pindo Parque Natural decidiron organizar un roteiro que terá lugar o vindeiro domingo, 11 de decembro.
Os obxectivos da iniciativa son dar a coñecer o Día Internacional das Montañas; defender o entorno da montaña e das súas persoas en todo o Planeta; defender a creación do Parque Natural do Monte do Pindo e amosar a FGM como colectivo entre a cidadanía e os medios de comunicación. O roteiro comezará e rematará en Fieiro, a partir das 11:00 horas e ten unha duración prevista de entre 3 e 4 horas.
É a primeira vez que ambas entidades colaboran conxuntamente. “Desde a directiva de Monte Pindo Parque Natural, agardamos que supoña o inicio dunha longa e proveitosa relación, polo ben dun deporte tan nobre como é o montañismo e tamén do medio ambiente”, apunta esta entidade nun comunicado.
Neste roteiro participarán, entre outras, a Sociedade de Montaña Ártabros, Club Montaña Ferrol, Club Montañeiros Celtas, Club Pena Trevinca - Montañeiros de Galicia, AROMON Club Montañeiros Pontevedra A Roelo, Club de Montaña e Escala Azimut, Club de Montaña Xistra, Club Alpino Ourensán, e a Agrupación Montañeiros Independentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.