Noriega: "Non son tan divertido como os bailes de Conde Roa coas mamá noel"

"Algo de anarquista" e "inútil". Estes son algúns dos cualificativos usados polo PP contra o alcalde de Santiago ao fío das luces de Nadal en Santiago. O edil tira de retranca na súa resposta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/12/2016 | Actualizada ás 10:46

Comparte esta noticia

O voceiro do PP en Santiago, Agustín Hernández, criticou a iluminación navideña da capital galega, que ve "anárquica" polas situacións elixidas e as obviadas. "Debe ser que o alcalde ten algo de anarquista", ironizou, antes de suxerir que tras este mal deseño "hai algo de ideoloxía", xa que "é imposible ser tan inútil".

Conde Roa no Nadal Xogo
Conde Roa no Nadal Xogo

Nunha rolda de prensa posterior, o rexedor compostelano, Martiño Noriega, respondeu con dureza: "Nin son o 'Grinch' nin son tan divertido como os bailes de (Gerardo) Conde Roa coas mamás noel no Obradoiro", sentenciou, tras asegurar que el nunca chegará ao nivel do primeiro alcalde de PP na capital galega -que tivo que dimitir apenas 10 meses despois da súa chegada ao cargo-.

E se Hernández incidiu en que o goberno que encabeza Noriega é "decepcionante" nos distintos ámbitos de xestión, facendo especial fincapé na "tristura" que se reflicte na "caótica" iluminación navideña, o alcalde replicou que talvez cando poida deixar de pagar "sentenzas" derivadas da época dos "bos xestores", a casa do concello disporá de "máis diñeiro para as luces".

Finalmente, o concelleiro do PP compostelano afeou a tardanza en instalar a pista de xeo, tras sinalar que a súa colocación pasado o día 20 "perde a xustificación" de contribuír a dinamizar o comercio local. Ao respecto, Noriega explicou que empezará a funcionar coincidindo coas vacacións escolares.

A QUINTA DA AUGA

Noutra orde de cousas, o alcalde de Santiago deu practicamente por imposible que se poida lograr agora un acordo entre as partes que evite o derrubamento dunha parte do hotel A Quinta da Auga, tal e como formulou Agustín Hernández. "Xa houbo posibilidades de intermediación como para dicir agora que é unha opción", sostivo Noriega.

Viñeta de Hermanager sobre El Correo Gallego
Viñeta de Hermanager sobre El Correo Gallego

En concreto, o concelleiro popular defendeu que Noriega "debería intentar buscar unha solución" a un asunto "vello e complexo" para poñer fin ao preito cun acordo entre as partes.

Non obstante, Noriega recordou que a estratexia dos letrados municipais pasa por corrixir a permuta de terreos realizada para ampliar o hotel e que haberá que ver se o xuíz acepta esta solución.

O obxectivo como recalcou é "buscar unha alternativa que non provoque un impacto patrimonial na cidade". E é que, explicou, o hotel ten "tódolos permisos municipais", de modo que a responsabilidade patrimonial en caso de derrubamento podería levar consigo consigo compensacións tanto pola obra coma pola perda de negocio.

"Estamos a traballar nun tema sobre o que os últimos catro alcaldes (tres deles do PP, nunha soa lexislatura) miraron para outro lado", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alcalvo

Si que es home non te quites méritos que ti tamén subiches ao escenario e os graciosos levaron logo contrato con Teo. http://www.lavozdegalicia.es/notici...