Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2017 | Actualizada ás 19:57
O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, mostrouse "moi satisfeito" polo acordo, ao seu xuízo "inmellorable", alcanzado pola coordinadora para impulsar unha candidatura única para o Consello das Mareas.
O acordo foi alcanzado este mércores de cara ás próximas eleccións ao Consello das Mareas e foi "unánime", segundo resaltou Villares, en declaracións a Europa Press este xoves.
Así as cousas, o voceiro de En Marea na Cámara galega destacou que o seu "compromiso" dende "o primeiro momento" foi apostar por esta "candidatura de consenso" que aune a todas as sensibilidades. "Que mellor marco que a dirección para tratar de chegar a toda a militancia", agregou.
A partir de agora, Villares marcouse o obxectivo de "escoitar a todo o mundo" que teña achegas para facer, tanto no ámbito programático coma no das persoas, para configurar esa lista "de confluencia" nun proxecto "cooperativo e non competitivo". Ao seu xuízo, existe "vontade de todo o espazo" por chegar a ese acordo.
CARTA AOS INSCRITOS
Neste escenario, a coordinadora dirixiu unha carta aos inscritos de En Marea recordando que o próximo día 10 se abre o prazo de presentación de candidaturas ao Consello das Mareas.
Recorda que esta será "a primeira dirección electa de En Marea e que responderá aos compromisos que se asumiron na asemblea de Vigo".
Ademais, a coordinadora pediu aos inscritos, tras a reunión deste mércores, que contribúan a construír esta candidatura e apuntou que segue activa a plataforma para inscribirse -a inscrición é un requisito imprescindible para participar-.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.