Licitado por máis de 150.000 euros o contrato para o control do acceso á Praia das Catedrais

A Consellería de Medio Ambiente publica no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato para o servizo de ordenación do uso público e divulgación dos valores naturais do Monumento Natural da Praia das Catedrais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2017 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato para o servizo de ordenación do uso público e divulgación dos valores naturais do Monumento Natural da Praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo), por un importe de máis de 150.000 euros.

Turistas na Praia das Catedrais, en Ribadeo
Turistas na Praia das Catedrais, en Ribadeo | Fonte: Europa Press.

Este contrato, cofinanciado pola Unión Europea, pretende mellorar o uso público do monumento natural durante os períodos de limitación de acceso á praia, co que se inclúe o control e vixilancia das autorizacións, así como as actuacións divulgativas e de atención aos visitantes.

O contrato cubrirá a ordenación do uso público do areal durante os períodos de verán deste ano e de 2018, así como da Semana Santa de 2018 e de 2019.

O grupo de traballo que se formalice deberá, ademais de levar o control dos visitantes que entren á zona, ofrecer información aos visitantes sen a correspondente autorización sobre onde conseguila.

Tamén informarán os turistas sobre a normativa de uso público do monumento, así como da prohibición de ir por fóra dos camiños e sendeiros, recolección de especies de fauna e flora, realizar escalada ou tirar lixo.

Finalmente, este grupo será o responsable de xestionar e controlar as zonas de aparacodoiro, facer seguemento do comportamento dos visitantes e realizar visitas guiadas.

PLAN DE CONTROL DE ACCESO

A Xunta adoptou a decisión de controlar o acceso ao monumento natural das Catedrais para aqueles períodos nos que se rexistra unha maior afluencia, o verán e o período vacacional de Semana Santa, para cando se fixa o límite de acceso en 4.812 persoas.

Os datos do último período indican que un total de 247.770 persoas accederon ao monumento entre os meses de xullo e setembro, un 25% máis que o ano anterior. Por meses, 81.903 foron en xullo, 116.885 en agosto e 48.982 en setembro. En total, completouse o espazo 29 días, tres en xullo e o resto en agosto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta