Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2017 | Actualizada ás 11:47
Un total de tres candidaturas foron presentadas finalmente para concorrer ás primarias ao Consello das Mareas, cada unha delas coa súa proposta para a coordinadora de En Marea. Deste xeito, a gran candidatura de Luis Villares, na que están integradas os grandes partidos e listas municipalistas de Galicia, terá outros dous rivais.
Antes de que rematase o prazo á media noite deste venres, á pretendida lista de consenso, encabezada por Luís Villares, pero sen que forme parte da coordinadora, sumáronselle outras dúas, unha delas co ex alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez á cabeza.
Aínda que a tarde deste venres as negociacións se centraron na elaboración dunha candidatura de consenso, que se materializou ao fío das 00,00 horas, de forma paralela outros membros do partido instrumental presentaron as súas propias candidaturas.
Precisamente, a lista de Davide Rodríguez, conta cun importante sector do voto municipalista e nacionalista, desencantado coas negociacións que levou a cabo a cúpula de En Marea. Desta candidatura forman parte pequenas listas municipalistas de toda Galicia, principalmente, das zonas do interior do país. Tamén hai destacados integrantes nacionalistas, principalmente, de Anova.
Nesta lista, denominada, 'Somos Quen', tras Rodríguez, está Iria Morgade (Pontevedra), Modesto Renda (Lugo) e a secretaria de organización de Anova, María Esther Duro, que ocupan os primeiros catro postos da lista. Alfonso Diz, Sonia Vidal, Pablo Alonso 'Patxi', Mónica González, Xurxo Triñanes e Victoria Portas Mariño cobren os primeiros dez postos da candidatura.
A terceira candidatura estaría impulsada por militantes de Cerna, unha escisión de Anova, e que conta cunha deputada na Cámara galega, Paula Verao.
Villares fóra da coordinadora da súa lista
A candidatura impulsada por Villares, formada por un total de 35 persoas de todas as sensibilidades de En Marea, deixa fóra da futura coordinadora do partido ao actual voceiro parlamentario. Si estarán neste órgano executivo o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, así como outras 10 persoas.
Así, ademais do histórico dirixente nacionalista formarán parte da coordinadora outros integrantes de Anova, como o seu secretario de Organización, Rafael Dopico; e a militante e tamén membro de Marea Atlántica Gladys Afonso.
Ademais, estarán neste órgano executivo Iago Martínez (Marea Atlántica); Victoria Esteban (Lugonovo); Carmen González (Marea Pontevedra); Sara Torreiro (Foro Santiago), Pedro Rivera 'Peyo' (Marea Vigo, Podemos); Borja Sanromán (Podemos); Javier Octavio (Ourense en Común) e Noemí Prados (Esquerda Unida).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.