Traballadores de Elnosa maniféstanse en Pontevedra e concéntranse preto da casa do alcalde

Reclaman que se garantan as condicións que permitan o mantemento da actividade produtiva en Lourizán.

Por E.P. | Pontevedra | 13/05/2017 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

Membros do comité de empresa de Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa) manifestáronse en Pontevedra e concentráronse este sábado nas proximidades da residencia familiar do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG). Foron sobre 150 as persoas que corearon consignas como "Elnosa non se pecha" e portaban carteis nos que se podía ler 'Escrache a Lores'.

Manifestación de traballadores de Elnosa en Pontevedra
Manifestación de traballadores de Elnosa en Pontevedra | Fonte: Europa Press

O presidente do comité de empresa, Avelino García, xustifica esta protesta dirixida a Fernández Lores ao asegurar que "tamén el día tras día" lles "ataca". "Veñen todos os anos a manifestarse á nosa empresa", abundou en referencia á marcha anual contra o complexo industrial de Ence e Elnosa organizada pola Asociación pola Defensa da Ría na que participan membros do goberno local de Pontevedra.

Esta concentración no lugar de Pazos, en Marcón, onde ten a súa vivenda o alcalde, completou a mobilización levada a cabo polo persoal de Elnosa desde as 10.00 horas cunha manifestación que partiu das instalacións de fábrica clorera en Lourizán. A marcha fixo senllas paradas diante do Concello e a delegación territorial da Xunta, administración á que reclamaron que garanta as condicións que permitan o mantemento da actividade produtiva da clorera en Lourizán.

EMPREGO

Os traballadores desta fábrica, pertencente á multinacional portuguesa CUF, esgrimiron o mantemento dos seus empregos e o posible desabastecemento de cloro en Galicia para defender a continuidade da súa empresa.

O próximo 11 de decembro entra en vigor a normativa europea que prohibe o modo tradicional de fabricación de cloro e eslamiada que implica a utilización de celas de mercurio, unha tecnoloxía que a día de hoxe emprega Elnosa.

Quedan, por tanto, menos de sete meses para o peche desta empresa nas súas actuais condicións polo que, se a multinacional lusa quere adaptar a fábrica da Ría de Pontevedra, faise necesaria, segundo explican, unha moratoria como a que o propio grupo CUF xa recibiu de forma preliminar por parte do Goberno cántabro para a planta de Solvay en Torrelavega.

Esta prórroga permitiralles continuar coa súa produción durante dous anos co uso do mercurio mentres non se completa o cambio de tecnoloxía a unha de células de membrana, máis moderna e respectuosa co medio.

PRÓRROGA DA CONCESIÓN

Pero, ademais, os propietarios de Elnosa tamén deberán obter unha prórroga do Estado da súa actual concesión en terreos de Costas en Lourizán do mesmo xeito que fixeron os seus veciños da fábrica de celulosa de Ence.

O vindeiro luns, o comité de empresa de Elnosa espera entrevistarse en Lisboa cos directivos da multinacional portuguesa para que lles informen dos seus plans sobre estas dúas prórrogas. "Hai que esixirlle que presenten xa a documentación", afirmou Avelino García.

En todo caso aseguran entender a postura dos donos de Elnosa "porque se non hai concesión de Costas e non hai declaración ambiental integrada, claro", dixo o presidente do comité. Ademais, pedirán á empresa que tramite ante a Xunta un plan supramunicipal para sortear as trabas administrativas e urbanísticas que expón o Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Loliña

Os de Reganosa non se teñen que concentrar na casa de Pilar Díaz, alcandesa de Mugardos de EU , por que saben que contan co seu apoio

2 Antinostrus

O moi mamalón di "a nosa empresa"..........ven untado tén que estar este malandrodirixente de ccoomanslimpas para ter ese "lapsus freudiano"..........sub nor mal Nóstrico en estado puro...........

1 Normal

Non se van concentrar cerca da casa de ninguén de PPSOEMarea digo eu

1 Anormal

Se concentran diante da casa do alcalde, pero cando menos a marea pontevedra e o psoe tamén lle teñen ganas tal como se comprobou no pleno onde se tratou o tema de ence e de declarar a rajoy persoa non grata (proposta da marea e do psoe). Por certo ven de estrarse un documental da APDR, dirixido por Lukas Santiago, membro de Marea Pontevedra