Así se explica a caída das axudas á tradución editorial galega

A crise económica, pero tamén o "ideario político-cultural" do Goberno do PP na Xunta, foron claves na caída das obras traducidas do e ao galego nos últimos anos, segundo Silvia Montero Küpper, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/11/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tradicionalmente, a maior parte da edición en lingua galega corre a cargo de editoriais privadas do país, mentres que a edición por institucións públicas se sitúa ó redor dun 10% sobre a edición total en galego e a das editoriais privadas de ámbito estatal, nun 25%. Partindo destes datos, Silvia Montero Küpper, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo analizou as convocatorias das axudas públicas á tradución editorial en Galicia dende o inicio da crise económica, en 2008, até o ano 2016.

Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais
Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais

Partindo da premisa de que "as políticas de apoio á tradución editorial son fundamentais, especialmente para culturas subalternas como a galega, na que a extratradución carrexa, ademais, unha consagración da propia cultura", Montero Küpper debulla, alén do aspecto económico, as convocatorias ás axudas á tradución prestando especial atención ós criterios de adxudicación dos últimos anos, que "obedecen máis ben a un ideario político-cultural", di.

En primeiro lugar, para contextualizar o seu estudo —'Sobre as subvencións públicas á tradución editorial galega (2008-2016)'—, a profesora sinala a "condición non hexemónica" do sistema cultural galego, "máis sensible ós cambios político-ideolóxicos e ás situacións economicamente desfavorables". Isto, di, fai que a selección, edición e tradución do e ó galego de textos literarios ou divulgativos "non debería obedecer exclusivamente a criterios económicos", polo que "cómpre velar coidadosamente polo apoio á intratradución e á extratradución mesmo en tempos de austeridade económica".

Con todo, matiza, a autora, "os impactos económicos da crise non son o único contexto a ter en conta" e é necesario, xa sexa en tempos de bonanza ou de austeridade, observar a política estratéxica que os gobernos dedican ó sector da tradución editorial, porque "é aí onde se poden observar mudanzas fundamentais".

ETAPA DO BIPARTITO

Até 2008, e dende 1983 —ano no que se aprobou a Lei de normalización lingüística—, a actividade tradutora e a edición en lingua galega foron medrando de xeito continuo.

Montero Küpper lembra que a historia recente das políticas de tradución en Galicia comezou en 2006 —co Goberno do bipartito—, "un período con maior énfase nas tentativas de lle conferir unha maior proxección internacional á literatura galega".

Nesa etapa, "alén das axudas á edición e tradución, buscouse unha maior visibilidade do libro galego, que viviu varias iniciativas de promoción", salienta a profesora da Universidade de Vigo. Así, destaca, ao apoio económico sumouse o loxístico que as entidades públicas ofreceron para as feiras do libro ou para reforzar a presenza do libro galego en Internet.

Entre os anos 2006-2009, cando gobernaban en coalición PSdeG e BNG, a Xunta de Galicia activou varios mecanismos para a promoción e proxección do sector do libro galego, entre os que destacaron a plataforma informativa Galician Books ou o catálogo accesible en liña Galician Publishers, entre outros, lembra a profesora. O catálogo de dereitos Readgalicia.com que incluía fragmentos de obra literaria galega en inglés, foi substituído en 2012 polo portal web Portico of Galician Literature, xestionado polo editor da Small Station Press, Jonathan Dunne.

ETAPA FEIJÓO

Foi a partir de 2009 cando "moitas iniciativas innovadoras quedaron anuladas ou interrompidas", xa co goberno do PP liderado por Alberto Núñez Feijóo, advirte a investigadora. 

Con todo, en 2011 inaugurouse Galician Classics, un proxecto dedicado á tradución dos clásicos da literatura galega ó inglés co que a Xunta de Galicia buscou promover, en coedición coa editorial Small Station Press, a literatura galega no mercado internacional.

Ademais destas iniciativas, a Xunta de Galicia tamén activou unha liña de axudas para reforzar a presenza en feiras de libro e outros apoios económicos de carácter puntual. As principais actuacións para a proxección internacional da literatura galega que impulsou o Goberno galego nos últimos anos centráronse nas devanditas publicacións en liña así como no proxecto dunha colección de clásicos da literatura galega, pero "deixando a intratradución á deriva", critica Montero Küpper.

Así, produciuse "unha inversión" na evolución ascendente a partir do ano 2009, xa que o volume de publicacións e de traducións galegas, especialmente despois dun pequeno aumento en 2010, "diminúe de maneira considerable e continuada en todo tipo de soportes".

Respecto do peso que a tradución ó galego ten sobre o total da creación publicada en lingua galega, obsérvase que o volume de edicións no noso idioma "chega entre os anos 2008 e 2010 ó seu punto máis álxido", cando a edición alcanza unha media de 2.382 títulos anuais. Pero a partir de 2011 se rexistrou unha "marcada tendencia á baixa das publicacións en lingua galega".

E "se ben en 2014 semella haber unha pequena repunta, en 2015 o número das publicacións volve descender, aínda que de maneira moderada", chegando logo as cifras de edición en lingua galega en 2016 a colocarse "por debaixo incluso das cifras do ano 2002, de maneira que o mercado editorial en galego volve en termos numéricos a unha situación comparable ós inicios da Lei de normalización lingüística (1983)", describe a analista da Universidad de Vigo.

ORZAMENTOS E CONTÍAS DA XUNTA

Entre os anos 1987 a 2006, as axudas anuais á tradución da Xunta de Galicia incluíanse nas convocatorias de subvencións para o fomento da edición do libro galego en xeral. Pero en 2007 a Administración galega convocou por vez primeira subvencións de carácter exclusivo para financiar a tradución editorial dende e do galego; unhas axudas anuais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas ás editoriais.

Naquela primeira convocatoria a partida orzamentaria foi de 200.000 euros, cantidade que se elevou na seguinte convocatoria até os 282 689 euros, cos que se subvencionaron 144 obras. Pero a partir dese momento, xa en tempos de crise e coincidindo co cambio de goberno en Galicia, os recortes económicos afectaron tamén a estas subvencións.

Montero Küpper lembra que "despois de omitilas naquel ano", a Xunta volveu incluír as axudas á tradución no ano 2010 cun orzamento de 300.000 euros. Pero a partir de 2011, e coa excepción de 2012, cando a contía máxima adxudicada foi de 168.000 euros, a partida orzamentaria desta axuda fixouse en 200.000 euros. E a partir da convocatoria de 2013 explicitáronse as contías máximas para a intratradución (120.000 euros) e para a extratradución (80.000 euros).

Para a contía de cada subvención estipulouse un tope máximo de 6.000 euros por proxecto, unha contía que non sufriu modificacións ó longo dos anos.

No que ó cálculo das axudas por obra se refire, as convocatorias dos anos 2008-2012 prevían 20-30 euros por páxina estándar (1.800 caracteres) para as traducións a calquera lingua do Estado e entre 25-50 euros para as traducións a outras linguas. Pero a partir da convocatoria de 2013 se aplicou un reaxuste económico á baixa, fixándose a contía nun máximo de 20 euros por páxina estándar, tanto para a intratradución como para a extratradución.

Paralelamente, omitiuse a limitación económica porcentual das convocatorias dos anos anteriores, nos que as axudas só prevían o pagamento parcial da tradución (entre un 50% e 75%), de xeito que as subvencións chegaron a financiar o 100% o importe dedicado á remuneración de quen traduce, detalla a profesora da Universidade de Vigo.

"É salientable que ningunha das convocatorias contemplou ata agora a posible variación do grao de complexidade tradutiva segundo o tipo ou xénero textual", aporta a autora, quen considera que, neste sentido, "non resulta axeitado aplicar unha páxina estándar de 1.800 caracteres para determinar a contía da subvención no caso da tradución de poesía", por exemplo.

"Con todo, as resolucións revelan certa variabilidade ou flexibilidade na aplicación destas tarifas –tal vez debido á falta de claridade na redacción da convocatoria– ó constatarmos, por exemplo, que a subvención para editar a tradución dos destacados poemarios de Chus Pato Secesión e Carne de Leviatán, que contan cunhas 125 páxinas cada un e que talvez sumen unhas 80 páxinas estándar, ascende a máis de 5.000 euros", prosegue a investigadora.

Montero Küpper subliña que a convocatoria de 2013 introduciu un novo ítem no artigo 2º 'Imputación orzamentaria e contía', que excluíu destas axudas aqueles proxectos que, logo de aplicado o baremo previsto nesta orde, acadasen unha puntuación inferior ó 50% do máximo total".

IMPORTES ADXUDICADOS

En relación coas contías orzamentarias establecidas nas convocatorias, Montero Küpper examina os importes das axudas concedidos e o número de títulos subvencionados segundo as respectivas resolucións dende o inicio da crise.

Atendendo ó interese da Consellería de Cultura pola proxección da cultura e literatura galegas fóra do Estado español, desglosou, ademais, a edición de textos galegos en linguas non españolas e as traducións ás linguas cooficiais do Estado español.

En relación coas traducións literarias publicadas entre os anos 2008 e 2016, a autora destaca que "a mingua numérica de títulos traducidos ó galego que recibiron unha subvención é máis pronunciada". "Trátase case exclusivamente de textos literarios, sobre todo debido ás características das convocatorias a partir de 2010", describe.

No caso das axudas á extratradución, subliña que o número de publicacións subvencionadas "decrece considerablemente".

Para a profesora da Universidade de Vigo é "salientable o ano 2013", xa que "as adxudicacións só chegan a subvencionar a tradución do galego de 13 obras", así como o ano 2014, "no que descubrimos un paupérrimo importe adxudicado ás intratraducións".

Tamén chama a atención en que, "a pesar dos axustes á baixa dos orzamentos, a partir da convocatoria para o ano 2010, na maioría dos exercicios non se chega a executar a suma total das subvencións anunciadas".

"A mingua constante dos importes concedidos dende 2008 ata 2015 resulta patente", sentenza.

Así, destaca que mentres que nos anos 2011 e 2012 a suma das axudas coincide practicamente cos respectivos orzamentos, nos anos 2013 a 2016 as subvencións non esgotaron a cantidade da aplicación orzamentaria.

Segundo as informacións facilitadas pola xefa do Servizo do Libro e Publicacións da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en relación ás convocatorias dos anos 2012-2016, das que se vale Montero Küpper, "a razón da reducida execución estriba en que moitas solicitudes foron excluídas ó non acadaren unha puntuación mínima do 50% do máximo total, tal e como figura no baremo dos anos 2013-2016".

"De feito, atendendo ós datos que se facilitaron, o número dos proxectos non subvencionados ronda os 40, e en 2013 o número de solicitudes excluídas triplica incluso a cifra das obras subvencionadas", aporta a profesora.

Para a autora "resulta desconcertante que nestes anos de crise económica non se chegue a adxudicar todo o orzamento das subvencións"

Esta "aplicación restritiva" obedecería, segundo a profesora, a unha "política de severos recortes" que "conduciu a que moitas editoriais galegas e o lectorado se visen desamparados polo poder".

Mentres que no espazo do Estado español as estratexias das políticas de tradución apuntan a unha "acumulación de capital económico", no caso de Galicia "prevalece o aspecto de acumulación de capital simbólico que ata o ano 2014 se reflectía nas convocatorias das axudas á tradución", compara a profesora, que lembra que a partir da convocatoria de 2015, para o caso das intratraducións, "o aspecto cultural non figura nos criterios de adxudicación".

Neste sentido, considera que "unha revisión, actualización e mellora das convocatorias sería máis que desexable".

Silvia Montero Küpper conclúe no seu estudo que os criterios expresados nas convocatorias semellan "obedecer máis ben a un ideario político-cultural ca a unha resposta decidida ás consecuencias da crise no sector editorial", e salienta que "tanto as políticas de tradución da Xunta de Galicia como as españolas en xeral non explicitan como dimensión de interese a tradución para descubrir novos textos ou espazos culturais".

CADA VEZ MENOS PESO NO CONTEXTO ESTATAL

No que á tradución se refire, o Estado español dedicou en 2016 uns 260.000 euros de axudas anuais, cando en 2011 este apoio ascendía a uns 868.000 euros, cifras que "ilustran o impacto da crise económica" neste sector. 

No caso de Galicia, a Administración Pública orzamentou no ano 2008 uns 282.600 euros para apoiar a tradución, mentres que no último quinquenio do período de estudo estas axudas se viron reducidas a unha media anual de 71.820 euros para intratraducións e de tan só 35.000 euros para a extratradución

No contexto global da produción editorial no Estado español, "a crise repercutiu con especial ímpeto na actividade editorial en galego", afirma Montero Küpper, quen expón unha serie de datos do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para visbilizalo. Así, en relación cos ISBN inscritos nestes anos, a edición en galego supuxo en 2008 un 2,6%, en 2010 un 2,2% e en 2012 e 2013 tan só un 1,7%. E nos anos 2014 e 2015 situouse nun 2,0% e 1,9%, respectivamente, do volume total de libros editados no Estado.

No que atinxe a edición en galego, a porcentaxe das traducións ó galego no inicio do século XXI estivo medrando, de xeito que nos anos 2002-2006 supuxo un 18,26% e para o quinquenio 2007-2011, un 22,3%11. Pero "a partir de 2011 a recesión faise notar de xeito acusado xa que en 2016, con tan só 120 traducións rexistradas na base de datos do ISBN, chégase a publicar non máis ca unha quinta parte do volume das intratraducións de 2010, alcanzando cifras inferiores ás dos anos 90 do século pasado".

A redución do volume de traducións afectou principalmente a todo os textos non literarios, que ata estes anos constituían arredor dun 70% dos textos traducidos dende o inicio do século XXI. Pero Montero Küpper sinala que a diminución da actividade editorial tamén se fixo notar no eido da tradución literaria, aínda que "a un ritmo máis moderado", tanto na intratradución como na extratradución.

A autora tamén chama a atención sobre o feito de que case a metade das traducións do galego (extratraducións) acaba por ser editada dentro do Estado español, unha circunstancia que, explica, "se debe principalmente a que existe un intenso intercambio entre as comunidades españolas, sobre todo de literatura infantil e xuvenil". A isto suma as traducións ó inglés (tanto de literatura para adultos como de literatura infantil e xuvenil) promovidas pola propia Xunta de Galicia ou editadas en Galicia.

"De modo xeral podemos apuntar que o investimento para traducións entre as linguas do Estado é só lixeiramente maior do que as subvencións concedidas para as extratraducións a linguas non españolas", explica a profesora da Universidade de Vigo, quen observa, a partir dunha lectura das resolucións, que "a variedade lingüística das linguas non españolas é moi cativa e a maior parte destas subvencións destínase á tradución ó inglés".

"Esta preferencia estratéxica obedece ó facto de que a Xunta espera poder conferir así máis visibilidade ós textos. De feito, nótase que hai moi pouca variedade de editoriais estranxeiras que reciben unha subvención", clarifica a investigadora, quen, en todo caso, tamén apunta que "isto tamén se debe á escasa difusión que teñen as convocatorias fóra do Estado español". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

1 Mira

Que contento está el cobarde de Rajoy que está consiguiendo que el gallego desaparezca está en éxtasis y con ayuda otro cobarde feijoo