Por X.M. Fernández | Lugo | 17/02/2018 | Actualizada ás 13:11
A parlamentaria agradeceu o apoio á proposición non de lei nacionalista e advertiu que o BNG permanecerá moi atento sobre o cumprimento do acordo por parte do goberno galego. Na defensa da iniciativa, debatida e aprobada o mércores na Comisión de Sanidade, Rodil lembrou que a construción do novo centro de saúde en Escairón foi a “eterna promesa electoral do Partido Popular no Concello do Saviñao” e que o actual, construído nos anos 80, está absolutamente obsoleto.
Segundo a deputada: “o goberno galego leva anunciando o inicio do proxecto de construción desde 2010 cunha previsión de 40 mil euros que se dividirían en dúas partidas distintas no marco de programas xerais, mais o certo é que non se executou nin un só euro”.
Seis anos despois, no mes de decembro de 2016 o propio presidente da Xunta prometía 250 mil euros para 2017 que tampouco chegaron, recalcou Rodil engadindo que “na actualidade volven de novo prometer que se construirá esta infraestrutura sanitaria mais o único que sabemos é que formalizaron a contratación do proxecto como aparece recollida no DOG de hai un ano”.
Entre tanto, a veciñanza do Saviñao adscrita ao centro de saúde de Escairón padece as consecuencias dunhas instalacións que levan vintedous anos sen ter sido reformadas e con deficiencias que pasan por: incumprir a lexislación en materia de supresión de barreiras arquitectónicas, non conta con elevador, hai filtracións de auga e humidades e mobiliario e pavimento obsoletos. A resposta do SERGAS é sempre a mesma, “non acometerá ningunha actuación ante a previsión da construción dun novo centro”.
Tras mostrar a súa satisfacción polo acordo parlamentario, a deputada insistiu no seu cumprimento para iniciar as obras “coa maior celeridade” e rematalas antes da finalización da lexislatura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.