Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/03/2018 | Actualizada ás 15:19
As entidades de formación hixiénico-sanitaria, especialmente, as que se adican as tatuaxes, terán que inscribirse, a partir de agora, nun rexistro común. Neste rexistro quedarán incluídas todas as entidades que impartan os cursos formativos ao persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.
Así o decretou o Consello da Xunta do pasado xoves no que quere controlar, principalmente, as entidades de formación do persoal que realiza actividades de mantemento hixiénicosanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionela.
Actualmente hai acreditadas para a formación un total de 81 entidades, das cales 51 son de formación para o persoal que realiza actividades de mantemento hixiénicosanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose; 13 son as que forman o persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e 17 para persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.
CONTROL SANITARIO
Segundo o goberno Galego, este rexistro común disporá da información básica das entidades de formación e servirá como instrumento para a inspección e control das autoridades sanitarias. Así mesmo, permitirá a coordinación no control para que a prestación deses servizos sexa desenvolvida polo persoal cualificado, debidamente formado e sen afectación para a saúde das persoas.
Como novidade, a prestación dunha declaración responsable por parte das entidades de formación permitirá impartir clases desde o día da súa presentación. Así mesmo, o decreto posibilita e facilita a presentación de documentación á administración por vía telemática a través dos formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Así mesmo, o decreto exclúe da realización desta formación o persoal que probe estar en posesión dun título universitario, título de formación profesional ou cualificación profesional que acredite a obtención das competencias e coñecementos adecuados para a realización das actuacións hixiénico-sanitarias nos correspondentes ámbitos de actividade.
MARCO EUROPEO
O obxectivo deste decreto é a adaptación á normativa europea e a consecución dun marco normativo sinxelo e claro. Ata o de agora, todas as persoas que traballasen nunha destas tres actividades antes mencionadas debían realizar os cursos homologados ao respecto e detalladas en tres ordes respectivas para cada unha delas.
O actual decreto especifica nos anexos a formación xa establecida na anterior normativa, e recolle nunha soa norma a formación, o que incrementa a seguridade xurídica para a cidadanía e redunda tamén nunha maior accesibilidade. Tamén coordina as distintas unidades administrativas co recoñecemento de certificados das entidades legalmente establecidas noutras comunidades autónomas ou noutros países membros da Unión Europea.
Como novidade establécese que o programa de formación se manterá actualizado na páxina web da consellería competente en materia de sanidade, o que vai permitir unha maior axilidade na incorporación dos avances científicos e técnicos propios de cada sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.