Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/04/2018 | Actualizada ás 22:00
“É verdade que a xente está moi agradecida aos galegos por outorgar unha terceira maioría absoluta nun tempo no que non hai maiorías. Isto dá un plus aos militantes do PPdeG, e eu son militante do PPdeG”. Son as palabras do presidente da Xunta nunha entrevista publicada este luns no seu medio de cabeceira, La Voz de Galicia, en relación a se cre que aumentou as súa popularidade entre os militantes do PP.
Unha entrevista que chega nun momento no que se volveu a abrir o eterno debate sobre o futuro sucesor de Mariano Rajoy á fronte do Partido Popular. Un debate que estivo moi presente entre os asistentes ao Congreso Nacional que esta formación celebrou esta fin de semana en Sevilla e no que moitos medios puxeron, novamente, os ollos en Alberto Núñez Feijóo.
Varios medios estatais como El Mundo, o ABC ou El Pais sitúan xa ao presidente galego nas quinielas da sucesión e outros autonómicos, como La Voz, van xa máis alá e aseguran que Feijóo “da un nuevo paso en Madrid como hombre fuerte del PP”. Con todo, non todos son apoios para o presidente da Xunta.
A PREFERIDA, SORAYA?
Segundo unha enquisa realizada por NC Report publicada por La Razón, a maioría dos votantes do PP (69,1%) quere que Mariano Rajoy volva ser candidato á presidencia do Goberno, mentres que un 22,9% prefire outra cabeza do cartel electoral popular. Así, e no caso de que Rajoy non sexa o candidato, a favorita dos enquisados para sucederlle é Soraya Sáenz de Santamaría (27,7%), lixeiramente por diante de Alberto Núñez Feijóo (26,9%). Xa máis lonxe están Dolores de Cospedal (20,3%), Ana Pastor (10,6%) e Cristina Cifuentes (0,6%), quen se afunde tras o escándalo sobre o seu máster. Unha enquisa na que Feijóo segue sen despegar a pesar de que en Sevilla foi un dos máis aplaudidos.
Tampouco acaba de despegar o PP nas enquisas e o recambio de Rajoy –se é que finalmente hai recambio-- non ten garantido unha vitoria electoral. Unha enquisa de Sigma Dos publicada hai uns días apuntaba a subida imparable de Ciudadanos fronte a unha contundente caída do PP. E nesta tesitura, o relevo de Rajoy volve estar enriba da mesa.
De feito, foi o propio presidente español o que suxeriu nunha entrevista en Onda Cero unha retirada e iso propiciou novos movementos. Neses movementos, por suposto, estivo Feijóo que deixou aparcadas as entrevistas en La Voz e en xornais galegos e incrementou a súa presencia noutros medios españois. Uns movementos que coincidiron, precisamente, coa crise catalá, o que en ámbitos do PP se interpretou como que xa "estaba en campaña". “Se falo porque falo e senón, porque non. Temos moitas peticións e concentrámolas cando temos actos fóra de Galicia", tivo que xustificar Feijóo.
UN FEIJÓO, MÁIS INTERNACIONAL
Con todo, o seu nome segue circulando e os seus afíns –xa non só os galegos porque hai xa pesos pesados que o comezan apoiar na capital española-- insisten na seu “peso político” e na súa “contudencia electoral” en Galicia. E a isto se suma que comeza a ser chamado xa, con máis insistencia para actos importantes do partido. A iso súmase o interese do propio Feijóo por “facerse ver” e “darse a valer”. De aí as viaxes “internacionais” que ten realizado nos últimos tempos con empresarios galegos –a última levouno a Xapón-- e tamén a súa presenza hai uns días na reunión do Grupo Popular Europeo.
Os seus detractores --que tamén os ten e comezan a crecer-- din que Feijóo “non fixo nada por España” e ven nel un “ambicioso político” que quere aproveitar o momento de debilidade dos seus rivais. De feito, comparan a situación de Cifuentes coas fotos de Feijóo co narcotraficante Dorado e como no caso da presidenta de Madrid lle poden custar a carreira e no caso do presidente galego “non pasou nada”.
E, mentres Feijóo deixase querer nos medios españois e nalgúns galegos, como La Voz, mentres que a outros máis críticos recoméndalles que teñan un programa en La Sexta para facerlle unha entrevista. “Non ten ningún valor se alguén o dixo –que dea un paso na sucesión--. Coñécenme, téñenme agarimo e respecto. O que o crea, non vive na realidade. Pero nin é relevante, nin ten interese nin ningunha transcendencia. Eu non serei dos inxenuos que me crea ningunha cousa que me poida dicir un militante do meu partido”, apuntaba no xornal coruñés.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.