O PSdeG compromete "todas as garantías" no proceso de expulsión de Manuel Martínez

Reivindica "o traballo feito" na Deputación de Lugo "fronte ás experiencias do PP na época de Cacharro Pardo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2018 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comprometeu "todas as garantías" no proceso aberto ao alcalde de Becerreá (Lugo), Manuel Martínez, que o levará cara á súa expulsión do partido. Así o indicou Caballero este venres logo das preguntas dos xornalistas e despois de que Ferraz xa lle comunicase a suspensión cautelar a Martínez, quen podería presentar recurso, aínda que avanzou que non o fará.

Manuel Martínez xunto á sede de Suplusa en Lugo.
Manuel Martínez xunto á sede de Suplusa en Lugo. | Fonte: Europa Press

"Os socialistas, cando establecemos unha posición de voto, os nosos cargos institucionais teñen que respectar a posición de voto; cando non a respectan quedan fóra da estrutura da organización e por tanto, cando alguén tomou ese paso nas últimas semanas era totalmente consciente de que este partido toma as decisións que ten que tomar", expuxo o líder do PSOE galego.

Neste sentido, Caballero subliñou que "vai ser un proceso regulado, con todas as garantías", posto que o Partido Socialista "ten uns estatutos e uns procedementos cando se producen sancións de carácter moi grave por non cumprir a disciplina e as instrucións que dá a organización de voto". "Iso é o que se está traballando, de acordo aos dereitos que están dentro da organización", engadiu. En calquera caso, ante os anuncios dunha eventual reprobación na Deputación de Lugo, o secretario xeral do PSdeG reivindicou "o traballo feito", "fronte ás experiencias do PP na época de Cacharro Pardo".

"REXENERACIÓN E MOITO AVANCE"

Así, Caballero defendeu "rexeneración" e "moito avance", con "uns orzamentos cun claro compoñente vinculado á xeración de emprego na provincia" e o desenvolvemento de políticas sociais relacionadas coa atención a maiores, deportes e outros asuntos.

Ante "a experiencia temporal" dos populares no organismo provincial, Gonzalo Caballero concluíu que "o PP en Lugo está a xogar ao caneo curto" e "non ten un proxecto para o conxunto da cidadanía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta