Xa pasaron trinta anos

Hai trinta anos eu era un mozo que daba os primeiros pasos na miña carreira profesional como médico.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 04/03/2011

Comparte esta noticia

Veño dunha estirpe rural e proletaria e non sabía o que me ía deparar o futuro. Daquela tiña participado na comarca de Barcala, como actor secundario, en diversos proxectos da nacente democracia: na creación dunha asociación cultural, na oposición á instalación dunha celulosa á beira do río Tambre e nas primeiras mobilizacións agrarias. Sobre estes temas publiquei algúns escritos na prensa daquel tempo. O meu amigo Manolo Tuñas lembraba hai pouco esa época no seu blog (plazadocoton.blogspot.com).

Son de carácter pacífico e conciliador. Procuro sempre comprender as razóns dos demais. Pero un día cheguei á casa dos pais e atopeinos moi preocupados. Recibiran un aviso de parte dunha persoa principal da vila: "Calquera día vaivos aparecer o fillo nunha gabia, e nunca se saberá quen lle pegou o tiro". Souben, definitivamente, onde estaba o meu sitio: xusto onde non estean os inimigos da liberdade, fronte ós violentos que utilizan a ameaza e a forza para dominar.

Lembro perfectamente o 23 de febreiro de 1981. Acompañei un amigo a Pontevedra por unha oferta de traballo e, de regreso a Santiago, soubemos da ocupación do Congreso por membros da Garda Civil e da saída dos tanques ás rúas de Valencia. Foi unha noite de temor, por nós mesmos e polo futuro do país. Agora hai voces que frivolizan interesadamente o asunto. "Pero se non pasou nada, todo foi moi teatral", din alguns. Non é certo: había unha trama civil e militar moi elaborada para atentar contra do proxecto democrático. Os feitos foron moi graves: un grupo de militares secuestra o Parlamento e o Goberno empregando as armas e ameazando de morte: "Se hai un apagón, disparen", dixo Tejero.

Non pasou nada pero, de prosperar o golpe, poderían ocorrer cousas moi graves que devolverían o país ás catacumbas do franquismo. Non é posible calcular, cando se produce un pronunciamento violento, as consecuencias que del se van derivar. De seguro que habería violencia, listas negras, mortes, desaparecidos, terror e persecución do contrario. Por fortuna, e pola actuación valerosa de certos actores principais, fracasou o intento de involución e puidemos seguir adiante, na procura dunha vida mellor para todos. No mes de agosto dese ano naceu meu fillo Paulo..

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.