Controversias en sanidade

Catálogo: A Xunta desafiou o goberno central cun decreto. O Ministerio de Sanidade non tivo máis remedio que recorrer ante o Tribunal Constitucional para frear a aplicación dun catálogo restritivo que lles impedía aos médicos galegos receitar varios centenares de fármacos financiados no resto do Estado.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 10/03/2011

Comparte esta noticia

Esta norma da Xunta superaba intencionadamente a capacidade lexislativa da autonomía. Agora está en suspensión cautelar. Non poden aducir ignorancia: coñecen ben os límites e, ademais, estaban advertidos polo Ministerio. O lexislador non pode burlar a lei. Porque máis que buscar o aforro en menciñas o que puxo en marcha Feijóo foi unha gran campaña publicitaria (orquestrada por certos medios de comunicación) para aparecer como o campión dos xenéricos e da austeridade e sinalar, de paso, a ZP como cómplice da industria farmacéutica. Resultan patéticas certas proclamas soberanistas (Farjas) mentres o PP está a cuestionar o estado das autonomías.

Povisa: En novembro o Hospital Povisa, que atende preto de 150.000 persoas na área de Vigo, anunciou un ERE que afectaba a 800 traballadores. Esta medida foi neutralizada polo Sergas ao prorrogar o concerto e iniciar negociacións para outro novo. Nestes días pasados anunciou a suspensión do pagamento das nóminas aos traballadores. A ameaza non se cumpriu ao producirse unha nova achega económica por parte do Sergas. A chantaxe, a ameaza e a utilización dos traballadores como reféns forman parte dos métodos de negociación deste grupo. Máis o que resulta sorprendente é que a xerenta do Sergas, Rocío Mosquera, ten unha forte vinculación con esta empresa: foi moitos anos directora do Sanatorio da Esperanza de Santiago (pertencente ao grupo sanitario Nosa Terra, tamén propietario de Povisa). Resulta evidente o conflito de intereses. A súa capacidade negociadora, como máxima responsable do Sergas, está totalmente condicionada pola pertenza ao cadro directivo da empresa privada. Neste negocio a xerenta actúa como xuíz e parte. Mesmo se pode pensar que as ameazas públicas non son máis que unha posta en escena. A pronta resolución dos conflitos e a claudicación do Sergas ante a chantaxe de Povisa contrasta coa actitude intransixente ante o Ministerio. En tempos recentes unha situación como esta tería provocado un grande escándalo parlamentario e mediático. Agora todo é silencio. E pregunto: que fai a oposición? Por que non se denuncia esta evidente irregularidade?.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.