Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 17/03/2011
As vivendas están axeitadas, os barrios das cidades teñen zonas de evacuación, aprenden desde nenos as medidas de actuación ante os terremotos e realizan simulacros con regularidade. Nesta ocasión a terra tremou cunha intensidade desmesurada e provocou unha tremenda onda de destrución e morte. Hai un ano o terremoto de Haití deixou aquel país arrasado, con 200.000 vidas perdidas e un rastro de miseria e desolación do cal aínda non se recuperou. De non ser polas medidas de seguridade, a sacudida que padeceu Xapón podería deixar o país totalmente destruído.
O mundo occidental ten unha grande preocupación pola seguridade. O medo ás epidemias ou aos ataques do exterior obriga os países avanzados a facer enormes esforzos para minimizar os riscos. De cando en vez algún evento dramático activa as alarmas e alimenta o temor. A gripe A ou o ataque contra as Torres Xemelgas, por exemplo, contribuíron a crear un clima de terror que empuxou os gobernos a reforzar a protección.
Pero cando a natureza desata a súa forza decatámonos da nosa vulnerabilidade. As normas de prevención serven para reducir a magnitude do desastre, pero a furia dos elementos deixa sempre a súa pegada. O violento tremor e as numerosas réplicas provocaron os primeiros danos. O tsunami posterior levantou pontes, arrastrou edificios e vehículos, arrasou cultivos sementados e fendeu estradas cuha facilidade asombrosa. Todos quedamos sobrecollidos por esas imaxes. O balance final deste desastre aínda está por facer, pero xa sabemos que hai miles de mortos e desaparecidos, localidades destruídas polas augas e danos enormes en todo o país.
Xapón é un pobo ordenado e laborioso. Superarán o transo con dolor pero con absoluta determinación. Máis xa nada será igual. Agora teñen a evidencia de ser, a pesar das medidas de protección, totalmente vulnerables ante a natureza desatada. E continúa, ademais, a ameaza nuclear. O accidente da central de Fukushima é o máis grave desde a catástrofe de Chernóbil no 1986. Aínda é cedo para coñecer as consecuencias sobre o territorio e a vida humana. Pero si é tempo xa de reflexionar sobre o enorme risco que representan as centrais nucleares, mesmo se as medidas de seguridade son extremas.