Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2018 | Actualizada ás 15:08
Toda a oposición esixiu este mércores ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que cese ao alcalde popular de Sanxexo, Telmo Martín, ao que ven exemplo de "a corrupción urbanística do PP". No pleno do Parlamento, debateuse este mércores unha iniciativa do PSdeG na que se pedía á Xunta impulsar a vivenda pública --apoiada por En Marea e BNG, pero rexeitada polos populares--. As intervencións da oposición centráronse en boa parte na recente sentenza do Tribunal Supremo que ratifica o fallo sobre o cobro de sobreprezos por parte da promotora Construcuatro, da que Telmo Martín foi socio.
Así, María Pierres (PSdeG) denunciou que Telmo Martín "cobrou sobrepecios de vivendas protexidas". Sostén que non se pode dicir do popular que era un "simple socio" na promotora, xa que "Martín era a Construcuatro o que o señor Lito a orquesta Panorama". Ademais, a socialista botou en cara a Feijóo que se escude nos resultados electorais de Telmo Martín, "coma se os votos exculpasen a ninguén da súa responsabilidade".
Pola súa banda, Antón Sánchez (En Marea) cre que o PP debe "cesar inmediatamente ao señor Telmo Martín" por un "caso de corrupción moi grave". "Se o ampara non ten aquí lexitimidade para vir falar de vivenda despois", censura. "Pasaron cinco días e aínda non dimitiu o señor Martín e o que é máis grave o PP aínda non saíu a pedir a súa dimisión", afirmou pola súa banda Luís Bará (BNG) sobre o alcalde de Sanxenxo.
RIFA
Nesta iniciativa, o PSdeG pedía potenciar o parque público galego de vivendas de aluguer e en propiedade, xa que critica falta de actuación neste ámbito por parte da Xunta. Aquí, Pierres reprocha que nos últimos cinco anos só atendeuse en Galicia ao 1% da demanda social existente, con só "12 vivendas cualificadas" na Comunidade en 2017. Ademais, a socialista advirte do "punto de inflexión nos prezos" que se vive na actualidade na vivenda en Galicia, dado que "a burbulla está a empezarse a fraguar".
En contraposición, Jaime Castiñeira (PPdeG) replicou á socialista que "cando se parte de datos falsos as conclusións son erróneas", e asegurou que as vivendas públicas cualificadas en 2017 "son bastante máis" que as expostas polo PSdeG, á vez que defendeu o traballo da Xunta. Ao final do debate, Paula Prado (PPdeG) pediu a palabra por alusións por ser chamada "mentireira". Na súa intervención, acusou á oposición de "inxuriar e calumniar" a Telmo Martín porque "aquí se dixo que foi condenado por estafa". Logo diso, desde as bancadas da oposición reclamouse a réplica ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, quen sostivo que isto non procedía en casos de alusións. Todo iso, provocou unha rifa na Cámara que terminou co titular da Cámara pedindo a berros "silencio!".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.