Por Pablo Vaamonde | | 28/03/2011
Internet. Cambiou as nosas vidas. Mudou o xeito de traballar e transformou o tempo de ocio. A posibilidade de comunicarse con persoas de calquera parte do mundo provoca modificacións definitivas na vida cotiá e nas relacións interpersoais. Os nativos dixitais, aqueles que non coñeceron o mundo antes de internet, procesan a información moito máis rápido e poden realizar tarefas diferentes de xeito simultáneo. Todo está ao alcance da man. Todo é posible. Xa non imaxinan a vida sen estar conectados. As redes sociais (Facebook, Twitter) manteñen en permanente conexión a millóns de persoas de todo o planeta. Ás veces para compartir banalidades. Moitos adolescentes malgastan o tempo ante a pantalla. Pero estas redes horizontais son utilizadas tamén para outros fins. As rebelións nos países árabes non serían posibles sen este apoio.
Geraçao à rasca. Estaba a mocidade tan distraída na realidade virtual que tardou en decatarse da presenza dunha crise profunda que vai condicionar o futuro de xeito radical. Os mesmos que a provocaron son os que agora propoñen os remedios que máis lles conveñen: reducción do estado do benestar, adelgazamento do sector público, restricción dos dereitos laborais. Sempre pagan os mesmos. Para enfrontarse a esto catro mozos portugueses colgaron en Facebook o 5 de febreiro un manifesto en defensa dos desempregados, cincocentoseuristas e outros escravos disfrazados e subcontratados temporais. Cinco semanas despois miles de persoas (300.000 en Lisboa e 80.000 en Porto) xuntáronse nas dúas manifestacións máis importantes dos últimos tempos en Portugal. Creouse xa un movemento que agrupa a miles de mozos que tentan buscar unha saída colectiva digna para o seu futuro.
Indignádevos. Stéphane Hessel ten 93 anos. Participou na Resistencia francesa contra o nazismo e foi máis tarde un alto cargo da ONU. Ven de publicar en Francia un panfleto (Indignez-vous) dirixido á xuventude, co que tenta rescatala da apatía e a indiferenza. A brecha entre os máis pobres e os máis ricos nunca foi tan grande, afirma. Os bancos están preocupados polos seus dividendos e os altos salarios dos seus dirixentes, non polo interés xeral. Reclama unha insurrección pacífica contra os medios que “só propoñen como horizonte para a nosa mocidade o consumo masivo, o desprezo aos máis débiles e á cultura, a anmesia xeneralizada e a competición a ferro de todos contra todos”. Haberá que escoitar a esta home sabio.