Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2018 | Actualizada ás 15:00
O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela será desvelado de forma oficial, tras unha década de restauración, nun acto oficial o vindeiro luns, no que participará a raíña Sofía. Con todo, non será até finais de mes cando se poña en marcha o programa de visitas públicas ao monumento, en grupos reducidos e sen posibilidade de reserva, unha organización que persistirá ata que no outono se inicien as intervencións no interior da basílica.
Así o comunicou este venres a Fundación Catedral de Santiago, que elaborou un plan de ordenación de visitas que permita acceder ao espazo e garanta, á vez, a aplicación das necesarias medidas de conservación preventiva que protexan ao monumento e impidan unha nova deterioración. Estas medidas son, principalmente, o mantemento dunhas condicións ambientais estables e a regulación dos fluxos de visitas, que eviten a súa alteración e os riscos físicos derivados da acción humana.
Así, están previstas dúas fases de visitas, condicionadas polas actuacións de restauración que se acometerán no interior da Catedral, que se prolongarán até as portas do próximo Ano Santo 2021 e que obrigarán a "encapsular" o Pórtico da Gloria no outono de 2018, para "evitar filtracións de po que afecten á obra". A primeira fase, que durará ata que se realice este "encapsulamento", consistirá nunhas visitas áxiles, que permitan o acceso ao maior número de persoas "sen desatender as esixencias de conservación".
SEN POSIBILIDADE DE RESERVA
Estas visitas serán gratuítas, en grupos de 25 persoas como máximo, que realizarán o acceso desde a praza do Obradoiro, a través da escalinata monumental, por rigorosa orde de chegada e "sen posibilidade de reserva previa". Antes de entrar no espazo do Pórtico da Gloria, o grupo poderá ver unha proxección sobre a súa arte, historia e restauración. Unha vez no interior, poderán permanecer un máximo de 15 minutos.
As visitas desenvolveranse cun "amplo horario de acceso", entre as 8,00 horas e as 22,00 horas, para poder atender ao maior número de persoas posible, aínda que se verán interrompidas durante os actos litúrxicos que se celebren na basílica. Está previsto que estas visitas se inicien sobre o 27 de xullo, unha vez terminados os traballos de restauración da terraza de acceso e os labores de adecuación a visitas do espazo do Pórtico.
PECHADO CON ALTOS NIVEIS DE HUMIDADE
Segundo informou a Catedral, en determinadas circunstancias, e por motivos de conservación derivados de variacións climáticas, principalmente relacionadas coa presenza de altos niveis de humidade ou exceso de calor, o Pórtico da Gloria non poderá abrirse ás visitas. Serán os responsables de mantemento da Catedral os que determinen esa medida, da que se informará previamente.
A segunda fase de visitas levará a efecto desde que se produza o 'encapsulamento' do Pórtico, previsto para o próximo outono. Neste momento, e á espera de avaliar con criterios de rigor técnico as concrecións desta fase, está a redactarse o modelo a implantar que, en todo caso, "permitirá continuar coas visitas ordenadas coas concrecións que se especificarán en canto estean suficientemente testadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.