Morre Miguel Cortizo, un dos grandes dirixentes socialistas dos últimos tempos

Cortizo foi deputado, parlamentario galego, delegado do Goberno e embaixador en Iberoamérica. Faleceu este martes en Madrid. Gonzalo Caballero destaca que "é un día triste para Galicia".

Por Galicia Confidencial | Madrid | 03/07/2018 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

O PSdeG chora a un dos seus grandes referentes, Miguel Cortizo. Quen foi parlamentario galego durante varias lexislaturas, deputado en Madrid, delegado do Goberno e embaixador coas comunidades emigrantes de Iberoamérica faleceu este martes en Madrid logo dunha longa enfermidade.

Segundo as fontes consultadas por GC, está previsto que o seu corpo sexa trasladado a Galicia, onde recibirá sepultura o xoves. Miguel Ángel Cortizo Nieto era licenciado en bioloxía e profesor da facutade de Bioloxía da Universidade de Santiago. Presentou a súa candidatura á secretario xeral nas primarias do partido de 1998 perdendo fronte a Emilio Pérez Touriño.

Foi deputado no Parlamento de Galicia (1990-2005) Entre 2004 e 2007 foi embaixador de España en Misión Especial para as Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica, e en agosto de 2007 foi nomeado embaixador en Paraguai.

O 1 de abril de 2011 substituíu a Antón Louro como delegado do goberno en Galicia, cargo no que permaneceu ata outubro dese ano, para presentarse como candidato electoral nas listas do PSdeG na circunscrición da Coruña. Nesas eleccións Cortizo ocupou o segundo posto na candidatura socialista e resultou escollido deputado.

Miguel Cortizo, dirixente do PSdeG
Miguel Cortizo, dirixente do PSdeG | Fonte: EP

"DÍA TRISTE"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou o seu pesar polo falecemento de Miguel Cortizo, no que é “un día triste” para o socialismo galego. Con Cortizo vaise, subliñou Gonzalo Caballero, “un socialista de referencia” que chegou a ser voceiro parlamentario do PSdeG, deputado en Cortes e delegado do Goberno en Galicia, entre outros cargos de responsabilidade. “Hoxe o PSdeG está de loito”, subliñou.

Tras poñer en valor a súa traxectoria política, o líder dos socialistas galegos quixo trasladar tamén á súa familia “unha aperta sentida” en nome de todo o partido, que comparte a dor polo seu pasamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta