Eran os anos sesenta

Naqueles anos setenta eramos un feixe de mozos que escoitabamos a Bob Dylan e a Paco Ibáñez, e liamos os autores do boom latinoamericano, os cadernos de Marta Harnecker e a edición clandestina do Sempre en Galiza.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 10/04/2011

Comparte esta noticia

Viñamos dun tempo escuro, coñeciamos o medo ("calquera día aparece o teu fillo nunha gabia, e nunca se saberá quen lle pegou o tiro"), e alimentabamos o soño dun mundo mellor que o que viñamos de herdar. Daquela a política local facíase no Casino, e aínda se tiña memoria do falanxista que andara polos bares con orellas humanas colgadas dun arame. Lembremos que o ditador morreu en 1975, o Partido Comunista foi ilegal ata a semana santa do 77 e as primeiras eleccións da democracia non se celebraron ata o verán dese ano.

Na humidade das noites do val de Barcala había xuntanzas nas que se tentaba debuxar un camiño común. Desas inquedanzas naceron, non sen atrancos, a Asociación Cultural Afonso Eans, a asociación de veciños de Negreira e as primeiras organizacións agrarias da bisbarra; promoveuse un movemento de oposición contra da instalación dunha celulosa na beira do río Tambre e procurouse a democratización da cooperativa Feiraco, que tanta vida lle ten dado á comarca. O Colexio Rural trouxo á vila o alento de xente nova (Suso de Toro, Santi Carballido, Cristobo Ramírez...) que participaron con entusiasmo nestas tarefas. Eran tempos de ilusión, naquela nacente democracia, e de xenerosa participación nos movementos cidadáns. Aquela actividade compartida formounos como persoas e deixou forte pegada nas nosas vidas.

Hai uns días houbo unha xuntanza en Pontemaceira (plazadocoton.blogspot.com), na que participaron corenta persoas protagonistas daquela historia colectiva. Algúns xa nos deixaron para sempre, como o cura Bartolo e o poeta Ardeiro. Outros non puideron asistir, por motivos diversos; pero os alí presentes recordaron con nostalxia o tempo pasado e fixeron unha valoración positiva do camiño andado. Daquela efervescencia democrática xurdiron líderes labregos (Bello, Trillo, Cándido, Pepe Iglesias), dirixentes políticos (Manuel L. Tuñas -o mellor alcalde da historia de Negreira-, Aurora Platas, Antonio Campos, Joaquín Buergo...), escritores e artistas (Suso de Toro, Pepe Ardeiro, Cristobo Ramírez, Xosé Cobas...) e mesmo empresarios como Che Turnes. A vida levounos por diferentes camiños pero nunca esqueremos a nosa orixe e o compromiso asumido por todos naquel tempo iniciático..

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.