Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2018 | Actualizada ás 15:21
Os axentes forestais e ambientais de Galicia (un colectivo que rolda os 500 profesionais en toda a comunidade) atópanse á espera de que a Administración autonómica lles mande unha nova proposta de acordo laboral, despois da reunión deste martes.
Aínda que o encontro non serviu para achegar posturas, si que se traduciu nunha suspensión da folga convocada para o colectivo de axentes ambientais, que tiña uns servizos mínimos establecidos no 20%. O que se mantén é o paro indefinido en axentes forestais, aínda que, ao contar cuns servizos mínimos do 100%, non ten efectos na práctica.
Os sindicatos convocantes, UXT e CIG, aseguran que o seguimento este 1 de agosto é "maioritario". "Aínda que esteamos en servizos mínimos a xente apoia a folga", afirman fontes do sector consultadas por Europa Press.
Segundo informaron as centrais sindicais ao termo da cita do martes, a Administración autonómica comprometeuse a enviar unha nova proposta este mércores. Con todo, as fontes consultadas sinalan que o colectivo ten poucas expectativas de que o documento sexa remitido durante esta xornada, posto que a Xunta xa se demorou en anteriores ocasións.
Entre outras cuestións, os axentes forestais e ambientais reclaman un cambio na súa xornada laboral, unha subida económica que non estea vinculada á realización de gardas senón que se plasme no complemento específico, unha segunda actividade que garanta non estar en primeira liña de lume aos traballadores de máis idade e modificar os coeficientes reductores de cara á xubilación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.