Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 10/08/2018 | Actualizada ás 21:58
A "muller adúltera" é unha muller de pelo revolto que sostén coas súas mans, sobre as súas pernas, a caveira do seu amante. Un amante degolado por un marido que obriga a súa muller a soster o pecado, a bicalo dúas veces ao día. Un castigo para ensinarlle ás mulleres o que pode e non pode facerse e que foi contado cunha "anónima dama" que "sentiu en cada momento o latexo da cidade compostelá".
Así a describe, no seu relato, o historiador Asar Fernan Rodri. Como unha "testemuña excepcional da vida diaria desta cidade durante os últimos 900 anos". Porque a "muller adúltera" viu e ouviu todo o que alí aconteceu e aí continúa, vendo e oíndo o que aí acontece. Dende o tímpano esquerdo, a catro metros de altura. En Praterías. Na Catedral de Santiago.
Pasa que a ela non todos os días a ven, ás veces composteláns e peregrinos miran "en conxunto". Iso di Merichel Vicente, que fora guía turística en Ourense e leva dous anos mostrando o Centro Histórico de Santiago. E explica que son rutas nas que "en dúas horas tes que facer todo o casco antigo". Unha ruta na que Praterías é a última parada e a "muller adúltera pasa desapercibida". Aínda que non por todos, senón que depende do grupo. Ela leva turismo xeral e explica esta figura do século XII cando lle preguntan. Di que si atopa diferenzas entre a ollada dunha compostelá e a ollada dun peregrino porque "unha persoa de Santiago que vén aquí a facer unha visita turística é unha persoa que quere coñecer máis a súa cidade", mentres que "algúns turistas veñen a unha cidade que non van volver pisar".
"Ir a Compostela en peregrinación é emprender un Camiño Sagrado, é tomar contacto cun chan marcado polas tradicións milenarias, é aplicarse paso a paso no aprendizaxe das claves secretas que deixaron os anteriores construtores", di Asar Fernan Rodri. E explica que "cando o peregrino chegaba a Compostela, sabía ler e entendía perfectamente a mensaxe que se lle estaba comunicando ao contemplar a fachada do Paraíso, a fachada de Praterías ou a fachada Occidental onde se erguía o Pórtico da Gloria".
Que toda a iconografía das portadas catedralicias estaba deseñada para que fora entendida polos peregrinos iniciados no Camiño Francés antes da súa entrada a Catedral, e que non acontecía o mesmo no caso dos habitantes da cidade. Porque os compestaláns non eran peregrinos e non tiñan coñecemento das claves do Camiño e por tanto "non sabían darlle o significado que realmente transmitían". Aínda que o historiador compostelán matiza que "iso non quere dicir que certas imaxes, como pode ser a muller adúltera, non fosen capaces de interpretalas" pois "ten unha lectura moralizante ben clara que non é outra que a infidelidade no matrimonio".
Así o di o "Libro V, Capítulo IX do Códex Calixtinus" na primeira e única mención a esta muller adúltera que "non debe quedar no esquecemento", polo que é a teoría máis aceptada. Pero o certo é que ao longo da historia moito se ten falado das diferentes interpretacións da escultura de mármore. Unha destas teorías establece que a muller de pelo revolto é Eva ("a nai da morte") cumprindo o primeiro pecado, o pecado terrenal. Que se opón á Virxe María, representada con cabelo negro e longo, símbolo de pureza. Tamén podería ser María Magdalena, que non goza de gran reputación.
O certo é que, sexa quen sexa esa muller suxeitando esa caveira, leva máis de 900 anos observando. Ás veces un neno de 12 anos que entraba na Catedral e saía coronado como Alfonso VII, ás veces un home que tamén entraba na Catedral e saía como cabaleiro e voltaba máis adiante en romería, ás veces xuízos do Xelmírez, ás veces vodas. É o certo é que as cousas, tantas veces relegadas nun segundo plano como ornamentais ou accesorias, poderían dicir moito se tiveran palabras.
"VÉS PERO NON VES"
O que hai na rúa, ademais de cousas que pasan, son fotos. Merichel Vicente di que As Marías son, xunto coa Catedral, o segundo elemento máis fotografado. Que moitos turistas cando están onde as Marías din "ah, pois nada, foron unhas prostitututas". Ou "viñan aquí a ligar cos chicos". Ela di: " e a min, que son guía de turismo e son muller, unha cousa que me saca de quicio e non o podo dicir porque estou traballando é a cantidade de xente que saca unha foto coas Marías sen ter idea de quen son". Porque sacan a foto e a foto vai para casa, pero "están pero non están". Ela chámao turismo de "vés pero non ves".
A "muller adúltera" chámase Aldonza. Así o relata Asar Fernan Rodri, que conta como a historiadora compostelá Mercedes Gualteria Pintas así a bautizou. Co nome da muller "real" que tiña a Dulcinea do Quijote. E explica tamén, no seu relato, como "dende tempos da patrística, a muller foi sempre a que promoveu todos os males do mundo, a que tentaba ao home e o levaba polo camiño da perdición". Algo que se reflicte nas distintas partes da catedral: a muler luxuriosa en forma de Sirena ou como Vulva, "coas pernas abertas mostrando a boca do inferno, ou como a figura de Eva aleitando a Caín".
Agora, di o historiador compostelán, "a nosa mentalidade xa non admite ou non debería admitir aquela idea que se tiña da muller como a orixe de todos os males do home". Que é absurdo pensar hoxe neses termos, pero o que queda son "moitas imaxes que nos capiteis da Catedral representan mulleres en posturas, digamos indecentes, pero que hoxe temos que contemplar como o que realmente son, figuras fermosas, perfectamente labradas, sen necesidade de outorgarlles ningún tipo de lectura".
COMPLETAR COA LENDA
O historiador está a piques de publicar o seu libro no que percorre os misterios da cidade de Compostela. Un libro no que os seus relatos están "estritamente fundamentados na Historia coñecida e documentada" aínda que se axude dunha "escritura poética" na que introduce "pasaxes máis ou menos ficticios produto da miña imaxinación". E ben respaldado, recorda, polo que dicía Torrente Ballester: "cando ao historiador ou ao arqueólogo lles falta a proba obxectiva ten que vir o poeta para que coa súa linguaxe sexa capaz de completar ou culminar un edificio, unha pedra, un monumento ou un anaco de historia escuro".
Tamén de lendas e de "mulleres malas" falou Merichel Vicente, que explica como ás veces as persoas e non as esculturas son as que constrúen unha lectura machista. Porque na fachada da Quintana, onde está a Porta Santa, hai apóstolos e santos que inicialmente estaban colocados fóra da Catedral. Algúns identífícanse, respecto doutros dubídase.
Un de todos eses homes ten unha cara máis nova e semella que está chiscando un ollo. Atribúese a San Daniel, segundo a propia historia da Catedral. Pero "a cultura popular di que é unha muller intentando seducir a un apóstolo". A propia cultura popular di: "esta é unha muller que intenta seducir a San Andrés". A guía turística pregúntase: "por que non é San Andrés quen intenta seducila?", "por que non son os dous os que se seducen"?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.