Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/09/2018 | Actualizada ás 20:00
Bélxica segue dominando o fútbol gaélico feminino. Santiago acolleu o pasado sábado 15 de setembro o I Torneo Internacional Cidade de Compostela que enfrontou a tres equipos galegos –Filhas de Breogán, Auriense e Estrela Vermelha- e ás 10 veces campioas de Europa, Belgium GAA, no Campo das Cancelas. As belgas levaron o trofeo, saíndo ademais invictas dunha competición cun formato novo para as galegas.
A diferenza de ritmos quedou patente sobre o campo. O conxunto invitado proclamouse campión demostrando por que é o mellor de Europa, e xogando nun formato máis familiar, o 9v9. En Galicia o gaélico feminino ata agora xogábase 7v7, o cal supuxo unha dificultade máis para os tres conxuntos locais. O Estrela Vermelha chegou á final invicto, mais non puido facer demasiado no último enfrontamento contra Belgium GAA.
Porén, as xogadoras do equipo convidado ficaron sorprendidas co compromiso e o nivel do deporte que se practica aquí. “Non sei como se chegaron a implicar tantas rapazas, pero encántame a ilusión coa que se toman este deporte” dicía Maria Brosnan, unha das irlandesas de Belgium GAA. “Son moi rápidas e habilidosas, e co paso dos anos o nivel vai seguir subindo”, dicía.
Concordaba con ela Anay Rios, sevillana afincada en Bruxelas e xogadora do equipo belga. “Xa coñeciamos a algunhas destas rapazas. O ano pasado xogaramos a final do Pan-europeo contra Filhas, e o feito de que chegasen ata aí fala por si só”.
Tamén Brais Prieto, presidente do Estrela Vermelha e organizador do torneo, mostrouse satisfeito. “Celebrar este torneo era unha necesidade tendo en conta a velocidade e o nivel ao que están crecendo os equipos galegos. Salvando as diferenzas, as rapazas están demostrándolles ás mellores de Europa que non é tan doado gañarlles”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.