Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/09/2018 | Actualizada ás 14:25
Case 80.000 foron as persoas que, desde o pasado 27 de xullo, puideron contemplar o resultado da restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago dentro do seu programa gratuíto de visitas, que concluíu este martes e que dará paso a un período de medicións, control e protección do monumento antes de que poida ser aberto de novo ao público.
A finais do mes de xullo abríase finalmente ás visitas, tras anos de labores de restauración, o Pórtico da Gloria, un sistema de entrada gratuíto e sen reserva polo que, en 53 días, pasaron preto de 80.000 persoas, segundo os datos da Fundación Catedral, unha cifra superior ás estimacións iniciais.
E é que a expectación por contemplar o resultado da restauración, principalmente a sorprendente policromía recuperada, foi máxima ao longo de todas as xornadas nas que permaneceu aberto para visitas. As colas na zona de acceso foron visibles durante todos os días e as esperas, de entre dúas e tres horas, foron a tónica habitual. Con iso, até o último día, completáronse os grupos de 25 persoas que puideron entrar a ver de forma gratuíta este monumento restaurado, compostos tanto por turistas como por galegos e composteláns.
UN MES DE PECHE
A Fundación Catedral fixara para este martes a última das xornadas de programa de visitas gratuítas, dada a necesidade de pechar durante un tempo o monumento para realizar unha primeira avaliación da súa evolución e medicións que aínda quedaban pendentes.
Ao mesmo tempo, a proximidade do inicio das intervencións de restauración no interior da Catedral fan necesario protexer o monumento para que este non poida resultar danado. Por iso, durante os próximos días instalarase unha estrutura provisional de madeira que separará o pórtico do resto da basílica mentres duren as obras. A Fundación Catedral estima que todos estes traballos durarán ao redor dun mes, polo que ao longo de novembro o Pórtico volverá abrirse ás visitas ao público, se todo vai como se planeou.
Con todo, esta reapertura levará un novo programa de visitas que, segundo explicaron desde a Catedral, serán guiadas, de pago, máis longas e con posibilidade de reserva, algo que non existía até agora e que obrigaba aos interesados a facer longas colas.
O programa está aínda sen definir na súa totalidade, pero os responsables do monumento aclararon que as visitas se incluirán nas que programa o Museo da Catedral, serán guiadas e de maior duración que as actuais e poderán reservarse. Ademais, barállase que teñan un custo similar ao que actualmente ten a visita aos tellados da Catedral, que custa 12 euros de forma xenérica, aínda que con distintas opcións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.