E ti, a quen vas votar?

Teño que confesarlles a aqueles que se sentiron ofendidos con algún dos meus comentarios, que cualificaron de peperos, pesoeros ou bloqueros, segundo a afiliación do forofo de turno e o destinatario final das miñas opinións, que todos eles están absolutamente errados.

Por Manuel G. Antón | Narón | 17/05/2011

Comparte esta noticia

Dende moi novo fun unha persoa activa politicamente, pero como moitos outros que agora me veñen á memoria, rematei anoxado e ata certo punto arrepentido de ter colaborado a encumiar a esta partida de rubideiros e desvergonzados que monopolizan a política e parasitan todos os resortes do poder.

Para min a democracia, non é a consecuencia de votar cada certo tempo, senón o reinado da igualdade de oportunidades, e o respecto absoluto ás persoas e ás súas ideas, coincidan ou non coas miñas. Non podo entender o custo de manter a coherencia ideolóxica neste escenario pseudodemocrático que nos tocou vivir. Que queren que lles diga a moitos de vostedes que, para poder expresar as súas ideas e evitar consecuencias, supoño, protéxense baixo un pseudónimo. Tamén é verdade que outros ocultan así a súa covardía para poder censurar, con total impunidade, a opinión dos demais.

Pero un, que xa está curtido, négase a calar diante dos abusos e os atropelos daqueles que, elixidos como representantes, se erixen en ditadores e manipulan as institucións para o único servizo dos seus intereses persoais. Por iso, por moito que lles moleste aos forofos de esquerda, dereita, diante ou detrás que proliferan neste país, seguirei expresándome coa liberdade que me outorga este medio, subscribindo as miñas palabras, como sempre, co meu nome e apelidos. Chegado a este punto, considero oportuno facer un inciso para agradecer as facilidades que a todos, independentemente da ideoloxía política que se nos presupoña, nos concede Galicia Confidencial para publicar as nosas opinións. Asombraríalles saber o difícil que resulta ás veces facelo nalgúns medios que alardean de progresistas e independentes.

Pero volvendo ao tema que nos ocupa, todo ten a súa explicación. Nacín en Ferrol, e toda a miña vida estivo ligada á súa bisbarra. Alí puiden presenciar como unha horda de inútiles, incompetentes e aproveitados de todas as cores políticas, utilizando como desculpa un cabalo, ou unha besta, me dá igual, empezaron e agrandaron un burato no que enterraron todas as miñas ilusións, e as doutros moitos, de que este país podería chegar algún día a ser "normal". Alí BNG, PP, IF, EU e PSOE achegaron cada quen o seu particular, "innovador" e "revolucionario" proxecto, que presuntamente sempre viña a corrixir erros pasados, ¿sóalles a frase? Ao cabo, só contribuíron a aumentar a lenda do burato negro no que se acabou convertendo a Praza de España. Todos viñeron acompañados da súa enxeñaría de confianza, do seu amigo construtor ..., e todos trincaron. E alí segue o esperpento, á espera de que os que agora veñan acheguen, e cobren, a súa cota particular para contribuír a apuntalar a lenda.

Pois aí vai. Milito na que se consolidou como cuarta forza política nas últimas eleccións galegas, e que non é, como insistentemente aseveraron os medios de comunicación, a que integran os seguidores da señora Díez. Son un dos moitos que consideraron, sen necesidade de poñerse de acordo, que ningún dos personaxes que se presentaron merecía a nosa confianza; dese 5% que votamos en branco.

E porque creo na liberdade e no dereito a expresar os meus argumentos; porque creo posible un futuro mellor e non estou disposto a comulgar con rodas de muíño; por esas e por outras moitas outras cousas que seguro que moitos de vostedes tamén comparten, vou seguir achegando o meu gran de area para que se cumpra o sono literario do defunto Sr. Saramago, no que un pobo, enfastiado de aguantar e no libre exercicio do dereito de voto, puxo contra as cordas a esa banda de desvergonzados que viven da política, do noso suor; a eses aos que só moven os seus propios intereses; a eses do PP, PSOE, BNG, CIU, PNV, CC..., o nome é o de menos, que cando máis os necesitabamos volvéronos deixar tirados. Por iso, outra vez máis, porque ningún deles merece a miña confianza, nas próximas eleccións volverei votar en branco.

E ti, forofo enmascarado, que non es capaz de ver máis aló da cenoria dunhas siglas; que non soportas nin aceptas que outros poidan pensar doutro xeito; ti, que a túa irmá, o teu pai... ou ti mesmo estades condenados a podrecervos no paro; ti, que pagas un 19% polos miserentos intereses da túa conta de aforro, mentres a cúpula do teu partido goza dun 1% na SICAV na que multiplican o que nos chorizan; ti, ao que conxelaron a pensión ou o soldo para que o Sr. Botín poida seguir a manter o seu saneado negocio; ti, que te vas retirar aos noventa anos, se chegas, cunha pensión microscópica, mentres os "señores deputados" acabarán cobrando a pensión máxima por gozar dos placeres da vida, á túa conta e á miña, durante un par de lexislaturas.; e ti, ¿a quen vas votar?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Guillermo Antón Villamil Naceu en Ferrol en 1957, aínda que a súa vida sempre estivo ligada ao Concello de Fene. É Arquitecto Técnico, Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, e Diplomado en Estudos Avanzados en Administración e Dirección Pública. Neste intre prepara a súa tese doutoral na área de investigación de Economía Aplicada. Funcionario de Administración Local e Experto en Formación Ocupacional, compaxina estas actividades co exercicio como profesional liberal. Froito dos seus traballos de investigación, publicou A Formación da Axenda da Política Galega de Acuicultura Mariña (Edicións Embora, 2009) e A Ceca de Xuvia: una visión dende a Economía (Edicións Embora, 2009). En relación coas súas actividades no Concello de Narón, publicou varios artigos sobre a xestión de residuos sólidos urbanos na revista Equipamientos y Servicios Municipales.