En Marea denuncia que Povisa utiliza o seu persoal "para chantaxear"

A coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea no Parlamento de Galicia, Eva Solla, criticou que o Hospital Povisa convoque o preconcurso de acredores sen ter depositado as súas contas.

Por E.P. | VIGO | 04/10/2018 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

En declaracións aos medios este xoves, tras reunirse co comité de empresa, a deputada de En Marea Eva Solla, indicou que o seu grupo consultou o rexistro mercantil e constatou que "non están depositadas as contas de Povisa, como tiña que ser en xullo", ante o que anunciou que porá estes feitos "en coñecemento do Instituto de Contabilidad para que tome as medidas pertinentes".

Hospital Povisa de Vigo
Hospital Povisa de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

"Paréceme unha barbaridade que estea a tentarse negociar coa Consellería sen as contas sobre a mesa e á conta da situación duns traballadores que levan co convenio conxelado desde o ano 2010", remarcou, engadindo que "xa está ben de chantaxe por parte de quen non ten nin sequera as contas presentadas".

Neste ámbito, censurou tamén que o acordo que se vai a negociar "vaia a ser en beneficio dun empresario que ten un holding empresarial multimillonario que obtén beneficios anuais, con independencia da situación de perdas" que supostamente ten o hospital vigués.

"É certo que nos últimos anos houbo certa perda en Povisa, pero é unha perda mínima comparada con todo o beneficio do grupo", sostivo, apuntando que, xa que se lle permite a este grupo facer cesión de traballadores (o que considerou que "non é legal"), se faga "tamén para pagar as nóminas dos traballadores".

Ante todo isto, Solla fixo fincapé en que "por diante están tanto os postos de traballo como a asistencia sanitaria", polo que "ten que manterse este servizo, que desgraciadamente é esencial porque a Consellería de Sanidade encargouse de que o Hospital Álvaro Cunqueiro tivese menos camas para seguir sostendo este negocio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta