Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2018 | Actualizada ás 13:22
A Consellería de Sanidade sitúa a Galicia como a "primeira comunidade en pór en marcha o Plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C", patoloxía da que tratou 7.841 pacientes cos novos antivirais desde que se comezaron a comercializar no ano 2012.
Así, explicou que desde ese momento e até 2015, o Sergas tiña iniciado 1.137 tratamentos. Con todo, resaltou, "ese número multiplicouse por sete coa posta en marcha, en abril de 2015, do Plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde (SNS), até chegar á cifra actual.
O número de doentes tratados cos novos antivirais desde que se implantou o Plan estratéxico (abril 2015) até o 30 de novembro de 2018 sitúase en 6.704, tal como indicou Sanidade nun comunicado de prensa. Deles, un 67,10% son homes e un 15,6% presentan coinfección de VIH. A idade media dos doentes tratados é de 57 anos.
Así mesmo, Sanidade puntualizou que os casos de menor gravidade, os chamados graos F0 e F1, accederon tamén a esta medicación segundo indicación médica. Desde a entrada en vigor da extensión do tratamento iniciáronse 2.227, dos cales 1.455 foron para doentes con grao de fibrosis F0 e F1, dun 65%.
Á vista dos resultados rexistrados na poboación galega, a efectividade dos antivirais de acción directa é do 95,32%. Esta cifra, indica a Consellería, "aumenta até o 97,22%" se se ten en conta soamente aos doentes que terminaron o tratamento.
NOVAS ALTERNATIVAS
"Os avances rexistrados recentemente permiten que os doentes que fracasan no tratamento dispoñan de novas alternativas para poder instaurar un segundo tratamento, e se este fracasa novamente, un terceiro", indicou Sanidade, que matiza que na Comunidade galega "xa foron tratados 145 doentes nunha segunda liña de tratamento e 11 en terceira liña".
A Consellería lembra que a infección polo virus VHC "é unha das principais causas de hepatoloxía crónica en todo o mundo". "As repercusións que ten a infección polo VHC a longo prazo son moi variables, e van desde alteracións mínimas até a fibrosis extensa do fígado e a cirrose con ou sen carcinoma hepatocelular", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.