Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/12/2018 | Actualizada ás 12:55
A formación Anova aposta publicamente por que a candidatura 'Entre Todas', liderada polo exdiputado en Cortes David Bruzos e crítica coa actual dirección de En Marea, concorra ás primarias desta forza política, convocadas entre este sábado ás 9,00 e a mesma hora do luns de Noiteboa. Un chamamento que se produce logo de que Podemos, EU e mesmo sectores de Anova pediran retirarse do proceso.
A pesar destes reparos, o sector oficial de Anova -un sector crítico é afin a Villares-- emitiu un comunicado no que deixa claro que é "necesario preservar o espazo de 'Entre Todas' e manter a candidatura no proceso interno de En Marea". Un pronunciamento que chega despois de que este xoves o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, xa avanzase que Compostela Aberta "non vai abdicar" de participar en "o espazo galego".
Desta forma, queda por dilucidar a postura final de Podemos e Esquerda Unida, que sopesan retirar a lista alternativa á encabezada polo actual portavoz, Luís Villares, e que tamén recibiu o respaldo das mareas municipais de Santiago, A Coruña e Ferrol.
A Coordinadora Nacional de Anova reuniuse o xoves para debater sobre a situación que vive En Marea, coas primarias, que terían que celebrarse entre o 1 e o 3 de decembro, paralizadas, no medio de acusacións cruzadas de irregularidades e reproches grosos como "golpismo", ou "fraude".
REVOGATORIO CONTRA VILLARES
No seu comunicado, Anova tacha de "irresponsable" a actuación da actual Coordinadora, que lembra que está "en funcións" e acúsaa de causar "danos irreparables" ao espazo político.
"Ante a chantaxe ao que nos vemos sometidos por este estado de excepción no que os organismos en funcións suplantan os acordos do plenario do 27 de outubro, desde Anova entendemos que debemos manter a candidatura 'Entre Todas' neste proceso interno para convertelo nun revogatorio contra a Coordinadora de Luís Villares", proclama a formación.
Así mesmo, Anova cre necesario "relanzar a unidade popular" e aposta por "dar protagonismo" ás mareas municipalistas e "reinventar o espazo común". Este xoves Martiño Noriega xa dixera que "a esperanza" do espazo estaba nos concellos. "O éxito foi en 2015 nos concellos e a esperanza tan só queda nos concellos", chegou a dicir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.