En Marea constitúe este sábado a súa nova dirección sen a presenza dos críticos

As 14 persoas electas pola candidatura 'Entre Todas' non tomarán posesión do seu cargo no Consello, xa que continúan sen recoñecer os resultados das primarias. Seguen á espera do resultado da auditoría externa que certifique a validez do proceso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2018 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

En Marea contará a partir deste sábado 29 de decembro cun novo equipo de dirección. O Consello das Mareas será constituído na sede do partido en Santiago sen a presenza do sector crítico, logo dunhas polémicas primarias que outorgan 21 dos 35 asentos do máximo órgano de dirección á lista liderada por Luís Villares, que tamén se fixo cos cinco postos da Comisión de Garantías. 

Luís Villares, na presentación da súa candidatura ao Consello de En Marea
Luís Villares, na presentación da súa candidatura ao Consello de En Marea

As 14 persoas electas pola candidatura do sector crítico, 'Entre Todas', non tomarán posesión do seu cargo, xa que continúan sen recoñecer os resultados dunhas primarias que cren adulteradas pola dirección saínte para beneficiar a candidatura de Villares.

Así, segundo fontes consultadas por Europa Press, os críticos permanecen á espera de coñecer o resultado da auditoría externa encargada a un experto informático ante as sospeitas de que a plataforma de voto, creada 'ad hoc' para o proceso tras prescindirse das anteriores empresas que xestionaban o sistema, presentaba "numerosas deficiencias".

Ademais, reclaman que a coordinadora publique as dúas auditorías encargadas tras a denuncia contra tres membros do comité electoral acusados de acceder irregularmente ao censo electoral. Este feito desencadeou unha grave crise que aínda perdura, lonxe de pecharse coa constitución do Consello, e que mesmo podería terminar nos tribunais.

De feito, as primarias de En Marea xa chegaron aos xulgados. Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías saínte e aliñado co sector crítico, presentou unha denuncia nun xulgado ourensán na que asegura que a coordinadora cometeu "ilegalidades", polo que pide a anulación das votacións.

RESULTADOS

Así as cousas, os de Villares controlarán o órgano de dirección de En Marea tras obter o 60 por cento dos votos nas primarias, o que se traduce en 21 dos 35 postos do Consello, que recaen en Luís Villares, Ana Seijas, Francisco 'Pancho' Casal, Paula Vázquez Verao, Davide Rodríguez, María Dores Candedo, Ramón Beiras, Elena Cores, Adrián Deus, Carmen González, Xabier Pérez, Mónica Díaz, Víctor Álvarez, Teresa Burgo, Xoán Losada, Ánxeles Faraldo, Xoán Hermida, Lida Senra, Marcos Bicada, Iris Malvido e Javier Arca.

Por parte da candidatura 'Entre Todas' --apoiada por Podemos, Anova, EU e as mareas de Ferrol, Santiago e A Coruña-- as 14 persoas que resultaron electas son David Bruzos, Oriana Méndez, Xan Xove, Saínza Ruíz, Iván Rodríguez, Isabel Faraldo, Marcos Cal, Sigrid Campo, René Gamborino, Gladys Afonso, André Seoane, Julia Torregrosa, Borja San Ramón e Loreto Taibo.

Ademais, os inscritos de En Marea tamén renovaron a Comisión de Garantías, que estará integrada exclusivamente por afíns a Villares: Vitoria Esteban, Xurxo Triñanes, Sandra Pesqueira, Héctor Vizoso e Concepción Rodríguez Fariña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Consello Esquizofrénico das Mareas O choio se multiplica, se xa tiñamos moi claro que En Marea foi un fraude, a partires de agora a esquizofrenia política pode converter calquera boa idea nun pesadelo terrorífico... https://i.gal/gamela03 Case mellor votamos en branco !!! Que triste é vivir no País dos Ananos !!!