Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 20/07/2011
Despois de anos de desatención o PP local, agora gobernante, dibuxa un escenario catastrofista, anuncia que o gasto en farmacia pon en risco a sostibilidade do sistema sanitario e saca da manga un Catálogo Priorizado de Productos Farmacéuticos. Aplicouno desde primeiros de ano, sen escoitar as advertencias do Ministerio sobre a invasión de competencias. Esquecen que os gobernantes tamén teñen que respectar as leis e as regras do xogo democrático. Non se cuestiona o obxectivo desta medida, pero sí o procedemento. Impoñer este catálogo restritivo de xeito unilateral só se entende como un xogo desleal de política partidaria que pretende, sobre todo, xenerar problemas co goberno central e procurar o rédito electoral.
De non presentar recurso de inconstitucionalidade o Ministerio estaría admitindo unha norma que xera desequilibrios entre as distintas comunidades (tampouco é bo que existan 17 catálogos diferentes, como sucede co caos do calendario vacinal infantil). Ao recurrir, o Ministerio defende a legalidade vixente, pero é acusado de cómplice da industria farmacéutica. En calquera caso, nesta xogada de xadrez, o PP vese gañador, e tenta aparecer como defensor da racionalidade contra dos “intereses escuros” do goberno de Madrid. Esa é, polo menos, a versión que divulgan os propios interesados coa colaboración entusiasta de La Voz de Galicia, que ten adicado a este tema varias portadas.
Nestes días pasados o citado xornal celebraba o levantamento da suspensión cautelar que o Tribunal Constitucional (TC) dictara sobre a aplicación do catálogo, e valoraba esta decisión como un triunfo definitivo da Consellería. Máis a victoria non é tal: cesa a suspensión cautelar da norma pero o recurso sigue o seu trámite e pode que, no seu día, o TC decrete a inconstitucionalidade da mesma. En resumo:
-A Consellería impón desde xaneiro un catálogo restritivo (non priorizado) que exclúe da financiación pública, só en Galicia, determinadas marcas de medicamentos.
-O Ministerio entende que se invaden competencias estatais e recurre ante o TC.
-Este tribunal acepta o recurso e establece a suspensión cautelar do catálogo.
-Esta suspensión cautelar non foi acatada: o aplicativo informático nunca foi desactivado. A Consellería non respectou a decisión do TC.
-Este tribunal, diante da reclamación da Consellería, anula a suspensión cautelar, pero non o recurso, que sigue adiante.
-Ademáis deste, a Consellería terá que enfrontarse a outros tres recursos presentados ante o TSXG contra do catálogo.
Toda esta cerimonia da confusión está deseñada básicamente como un elemento de propaganda. Trátase dun xogo frívolo e irresponsable iniciado polos actuais gobernantes de Galicia e que persigue o deterioro do goberno central. Ese é o obxectivo oculto de todo este monumental enredo. O aforro en fármacos é, neste caso, un obxectivo secundario. En todo caso sempre debería ser perseguido sen vulnerar as leis nin provocar conflictos entre as distintas administracións do Estado.