Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/02/2019 | Actualizada ás 22:00
“A Xunta de Galicia aspira a converter a Galicia no mellor lugar para vivir e formar unha familia, no mellor lugar para ter fillos ou fillas pero, e sobre todo, no mellor lugar posible para ser neno ou nena”. Este é o principal obxectivo do Programa de apoio á natalidade (PAN) que o goberno galego aprobou o 17 de decembro de 2015.
E, desde entón, a Xunta destina inxentes cantidades de diñeiro para fomentar a natalidade a través da publicidade nos medios baixo o argumento de que o PAN non é “unha acción illada”, senón un “programa amplo, específico e responsable”. De feito, desde 2013, son xa case 3,6 os millóns de euros destinados só en propaganda institucional e non en políticas concretas.
FEIJÓO DEFENDE A SÚA POLÍTICA DE NATALIDADE
O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicaba este mércores, na sesión de control ao Goberno galego, que a actual Administración autonómica é a que "máis recursos de conciliación e de natalidade" promove "da historia" da Comunidade, avanzando posteriormente que levará ao Parlamento de Galicia unha lei de demografía que partirá das conclusións do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.
Uns recursos millonarios que, nos últimos anos, non foron a fomentar directamente as políticas de natalidade senón a engordar as contas dos grandes medios de comunicación. “O PAN non resolverá o problema demográfico de Galicia de xeito inmediato, pero si sentará as bases para que, a medio e longo prazo, academos mellores saldos vexetativos”, destaca a Consellería de Política Social sobre este programa.
MÁIS DE 3,5 MILLÓNS GASTADOS
Desde o 2013 este departamento gastou case 3,6 millóns de euros en "accións divulgativas e información vencellada ao fomento da natalidade nos medios de comunicación". En 2018 foron medio millón en dúas tandas. En 2017, a Xunta gastou 770.000 euros en publicidade. En 2016 case 800.000 euros en diferentes convenios ao longo do ano. Os anos anteriores foron 508.132,94 euros, 263.553,72 e 495.867,77, respectivamente. E neste 2019 sacou un novo concurso de 251.000 euros para a primeira campaña do ano de "fomento da natalidade".
Como nos anos anteriores, o argumento para gastar este diñeiro en propaganda é para “sensibilizar aos galegos e ás galegas da importancia da revitalización demográfica e dar a coñecer ó conxunto de medidas de apoio á natalidade e á familia (axudas, servizos e programas de conciliación) que o goberno autonómico que o goberno galego está a levar a cabo”.
Con estas campañas, a Xunta quere “chegar ao meirande número posible de público” para “acadar a maior eficacia e eficiencia na utilización dos recursos públicos que a Xunta de Galicia destina á dinamización demográfica”.
Foi en abril de 2013 cando a Xunta aprobou en Consello o Plan de dinamización demográfica para frear o crecemento vexetativo negativo da poboación galega, cunha poboación moi avellentada e onde se segue producindo unha forte emigración da xente máis nova. Sen embargo, a principal medida para erradicar esta situación é a da publicidade institucional e non o investimento en políticas activas.
AXUDAS MILLONARIAS
De feito, no que vai de ano xa son case 15 millóns de euros os destinados a publicidade institucional nos medios. Así, aos concursos de Turismo de Galicia por case seis millóns de euros, os case tres millóns de varias campañas da Consellería do Medio Rural, e dous millóns da Consellería do Mar súmanse outros 3,5 millóns das consellerías de Infraestrutura e de Medio Ambiente. A esta cantidade hai que engadirlle, ademais, os case dous millóns repartidos a dedo pola Secretaría Xeral de Medios o penúltimo día do 2018. En total, sería xa 16,5 millóns de diñeiro público xa licitado ou por licitar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.