O galego e a saúde

A relación do médico co paciente non é unha cuestión técnica: é un encontro entre seres humanos. Nese encontro hai unha persoa que sufre e outra que ten recoñecida pola sociedade a capacidade para aliviar os seus males.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 29/10/2011

Comparte esta noticia

O principal instrumento terapéutico do sanitario é a palabra. Un acollemento cordial, respectuoso e afectivo ao doente ten, por sí mesmo, capacidade curativa. Nas Facultades de Medicina dáselle moito valor á aprendizaxe da anatomía, da fisioloxía e das técnicas exploratorias; á comunicación humana préstanlle menos atención. A propia sociedade idolatra a tecnoloxía sanitaria; máis, cando a doenza chega, todos nos decatamos da importancia do trato humano.

None

En Galicia temos dous idiomas: a nosa lingua propia, o galego, e tamén o castelán, que está instalado desde hai moito tempo neste territorio por razóns históricas. O que debería ser considerado unha riqueza (dispor de duas linguas que nos permiten a comunicación con millóns de persoas doutras xeografías) tense convertido nun problema lingüístico que cómpre arranxar. Na vez de celebrar e protexer este agasallo hai certos sectores que desexan a desaparición do galego e que Galicia sexa unha sociedade monolingüe. Nun dos seus libros escribeu Teresa Moure: “As linguas son a primeira e máis importante das manifestacións culturais, o seu exterminio é un atentado contra o patrimonio cultural da Humanidade. A diversidade lingüística é un ben de todos”. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade debe tamén protexerse a diversidade lingüística. Se unha lingua morre empobrécese o planeta.  Cando unha sociedade dispón dunha lingua propia ten, tamén, unha forma diferente de interpretar a vida. Esto evidenciase de xeito moi notable no terreo da saúde e da enfermidade.

A coexistencia de dous idiomas condiciona a relación no ámbito sanitario. A persoa que usa o galego a cotío síntese mellor atendida si o profesional lle fala no mesmo idioma. Máis o certo é que o galego na sanidade ten unha presenza residual: somos moi poucos os sanitarios que o empregamos no exercicio da profesión. Dase, a miudo, o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente diríxise ao profesional en castelán, pois entende que colocarse no seu territorio lingüístico pode facilitar a comunicación. Por eso é tan importante que os profesionais fagamos unha oferta positiva, sendo nós os que falemos en galego desde o primeiro encontro. Esto facilitará a comunicación e a relación terapéutica.
A recuperación do galego no ámbito sanitario pode ter, ademáis, un efecto positivo para o propio idioma. A consideración social que ten a medicina e o grande número de contactos que se producen a diario co sistema sanitario contribúen a prestixiar o galego, de ser utilizado éste de xeito habitual. Eso é o que pretende un grupo de profesionais que veñen de constituir a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que ten como obxectivo principal potenciar o uso do galego na sanidade, por entender que é beneficioso para a relación terapéutica e moi favorable para a saúde do propio idioma, honxendía moi precaria.

Esta Irmandade, que nace baixo o paraugas da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, será presentada o vindeiro sábado, 29 de outubro, na Estrada, no transcurso dunha homenaxe ao doutor Manuel Reimóndez Portela, que traballou moitos anos nese concello e deixou relatadas algunhas das súas vivencias no libro “Un médico na aldea”. No transcurso dese acto recibirán un diploma de honra os primeiros 35 membros desta Irmandade; son profesionais de toda Galicia que se teñen distinguido polo compromiso coa língua no seu exercicio profesional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.