Temas: YOUTUBE

"Avergoñeime de falar galego, pero agora me esforzo pola supervivencia da miña identidade e da miña lingua"

Ana Varela é unha famosa 'youtuber' galega residente en Corea do Sur e coñecida pola súa canle Lady Avellana, sobre viaxes e culturas do mundo. Desde alí, explica a súa experiencia como galegofalante.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/03/2019 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

Ana Varela é unha moza de Ferrol que reside en Corea do Sur. Famosa youtuber, é coñecida polo seu pseudónimo Lady Avellana. En Youtube ten preto de 23.000 subscritores, que forman parte da comunidade 'avellanos', como gusta chamar esta arquitecta técnica aos seus fieis.

Ana Varela, coñecida en Youtube como Lady Avellana.
Ana Varela, coñecida en Youtube como Lady Avellana.

Na súa canle fala, principalmentre, de viaxes e culturas do mundo, cun "toque de humor", pero no seu último vídeo fai unha confesión: "Avergoñeime de falar galego", algo que superou. Aínda que recoñece aínda mantén algúns "medos", agora cada día esfórzase "por seguir adiante loitando polos meus ideais e, sobre todo, pola supervivencia da miña identidade e da miña lingua".

Así o explica:

"Cando era nena, aprendín dúas linguas practicamente ao mesmo tempo: o galego e o castelán, linguas que, durante a miña infancia convivían e iso era o máis normal do mundo para min pero, chegada á adolescencia, a miña percepción das miñas linguas nais cambiou. De súpeto, comecei a recibir comentarios e burlas polo galego que eu empregaba. Os outros mozos e mozas dicíanme que o meu galego non era natural e mesmo que, o 'tipo de galego' que falaba, tiña connotacións políticas. Eu, como boa adolescente con inseguridades, sentín que a xente me estaba xulgando e encasillando en grupos dos que eu nin sequera oíra falar e iso, asustoume. Buscando encaixar na sociedade e cumprir 'o papel que me fora asignado', deixei de falar galego pola vergoña que me daba esta situación pero, co paso dos anos cambiei de parecer e decidín implantar o galego en máis ámbitos da miña vida, tentando romper cos prexuízos e as inseguridades que me rodeaban. Algúns destes medos aínda a día de hoxe perséguenme pero, cada día, esfórzome por seguir adiante loitando polos meus ideais e, sobre todo, pola supervivencia da miña identidade e da miña lingua".

Temas: YOUTUBE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 uu1

Suponho que é algo que nos passa a todos, eu ata que estive no Brasil não tomei consciência que que nos últimos 25 anos deixei de falar a nossa língua. Como dizia Castelao, ata que vi a nossa língua em liberdade não recomecei a falá-la.

2 Carmiña

O seu galego é dunha calidade discutíbel pero ponlle gañas e ama unha lingua en perigo e atacada por todos os lados. Se todos os galegos fixeran o mesmo o galego sobreviviría pero por desgraza é un caso illado. Ben por ela. Seguro que o seu mozo coreano ten menos prexuizos co galego que moitos de nós porque el non está colonizado por un estado político e mental que ten como meta matar a nosa lingua. Aínda estamos a tempo de parar a desfeita!

1 Moira

Castrapeira "nivel deus" ;-) mais un grande exemplo de que quen non fala galego en Galiza é por pura nugalla ou prexuizo. Xa ten unha subscritora máis á súa canle! :-)