Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 23/12/2024 | Actualizada ás 21:45
A comezos deste mes de decembro, a conselleira de Medio Rural, María José González, comparecía a petición propia no Parlamento galego para dar os datos de incendios correspondentes ao que ía de 2024 (de xaneiro a novembro). Destacou que Galicia rexistrara 2.592 hectáreas queimadas, un descenso significativo en comparación coas 6.748,9 que arderan no 2023 (con datos definitivos); así como que as 1.785 hectáreas arrasadas no verán supoñen a cifra máis baixa na serie histórica en período de alto risco (xullo, agosto e setembro). "Estes son os datos do traballo ben feito", remarcaba a conselleira. E, por provincias, a de Ourense foi a que rexistrou o peor dato (898 hectáreas afectadas), seguida de Pontevedra (700 hectáreas), Lugo (321 hectáreas) e A Coruña (212 hectáreas).
Así, e aínda que poidan parecer datos moito menos alarmantes que en anos anteriores, como tamén subliñou a conselleira, ao reducirse a máis da metade as hectáreas afectadas polo lume, hai que entrar polo miúdo a debullalos para darse conta dalgo que pasou desapercibido á hora de presentar o balance: a provincia de Pontevedra rexistrou un dos peores datos dos últimos 10 anos no que a incidencia dos lumes sobre o territorio se refire. De feito, as hectáreas arrasadas na provincia entre xaneiro e novembro de 2024 (700 hectáreas) superaron as cifras rexistradas, xa con datos definitivos, dos anos 2023 (317,85 hectáreas), 2021 (598,96 hectáreas), 2020 (433,78 hectáreas), 2019 (445,81 hectáreas), 2018 (472,11 hectáreas) e 2014 (114,64 hectáreas). É dicir, en realidade só houbo peores rexistros nos anos de 2022 (2.367,64 hectáreas), 2017 (21.167,01 hectáreas), 2016 (5.120,26 hectáreas) e 2015 (1.223,50 hectáreas).
Iso si, ben é certo que as outras tres provincias tiveron no 2024 (a falta de confirmar datos definitivos) o menor impacto dos lumes dos 10 últimos anos. No caso da provincia de Ourense, que foi a máis afectada este ano (898 hectáreas arrasadas), habería que remontarse ata o 2021 para atopar a segunda cifra máis baixa (975,21 hectáreas). Na provincia de Lugo, para atopar unha cifra de monte queimado semellante á deste ano (321 hectáreas), habería que retrotraerse ata o 2020 (422,30 hectáreas). E, na provincia da Coruña, unha superficie semellante á deste 2024 (212 hectáreas) ardeu o pasado ano 2023 (299,87 hectáreas). Pola contra, tanto na provincia de Ourense como na de Lugo, o ano da última década que acadou os peores rexistros foi o 2017, que deixou 30.448,32 e 8.225,89 hectáreas calcinadas, respectivamente; mentres que na provincia da Coruña o peor rexistro foi o do ano 2016, con 3.815,75 hectáreas calcinadas.
No conxunto de Galicia, cómpre resaltar que esas 2.592 hectáreas de monte que sucumbiron aos lumes deste 2024 supoñen a cifra máis baixa desde fai exactamente 10 anos. No 2014 a superficie arrasada polos incendios forestais foi de 1.991,14 hectáreas. Agora ben, aína que no 2014 as hectáreas calcinadas foron 600 menos, o número de lumes declarados incendios forestais como tal foi bastante maior: 178 fronte aos 105 notificados este ano (73 máis que no 2024). De feito, se nos quedamos unicamente co número de incendios, despois do 2024, o ano que menor número de lumes forestais rexistrou foi o anterior: no 2023 só se notificaron como incendios forestais un total de 149 lumes (44 máis que no presente ano). Ademais, tendo en conta que o obxectivo anual recollido no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) para este ano 2024 era de non superar as 18.489,13 hectáreas calcinadas, este cumpriuse cunha gran marxe: quedouse 15.897,13 hectáreas por debaixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.