Por Galicia Confidencial | Palas de Rei | 20/12/2024 | Actualizada ás 13:06
A Comisión Europea acaba de admitir a trámite unha petición da Plataforma Ulloa Viva na que se alerta da perigosidade do proxecto de Altri-Greenalia en Palas de Rei. O presidente da Comisión de Peticións da UE, Bogdan Rzońca, remitiu unha misiva na que lle comunica que a Comisión de Peticións “examinou a súa petición e declarouna admisible, xa que o asunto que vostede plantexa entra dentro dos ámbitos de actuación da Unión Europea”.
Rzońca informa tamén á Plataforma Ulloa Viva de que se ten falado sobre o proxecto de Altri recentemente no Parlamento Europeo, pola presentación de diversas preguntas a respecto de distintos grupos. “Finalizado o exame da petición”, segundo sinala o presidente desta Comisión, decidiron polo tanto dar trámite á mesma. A Plataforma Ulloa Viva presentou o pasado mes de setembro esta petición, adxuntando un completo informe sobre o proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia e os incumprimentos de varias directivas comunitarias.
Logo da admisión a trámite, a Comisión de Peticións decidirá agora as vías para dar cauce á petición da Plataforma. A Comisión pode neste caso pedir a apertura dunha investigación, transmitir a petición da Plataforma a outras comisións do Parlamento Europeo e a autoridades nacionais e outros organismos, preparar un informe e facer unha visita á zona, propoñer á Plataforma unha vía de recurso ou ben someter a debate a petición da Plataforma no seo da Comisión de Peticións nunha sesión á que podería asistir unha representación de Ulloa Viva.
Ademais logo de ser admitida a trámite, a petición da Plataforma Ulloa Viva estará publicada no Portal de Peticións e poderá ter adhesións xa que se abre un proceso no que calquera organización pode adxuntar informes que aporten máis información a respecto deste tema para o seu posterior tratamento no seo das institucións comunitarias.
“SATISFACCIÓN”
A entidade di que está “moi satisfeita e esperanzada” por esta nova, logo de “termos que ter escoitado reiteradamente por parte da empresa que Europa non ve incumprimentos no seu proxecto”, cando na realidade é que até agora na Comisión Europea non hai expediente algún sobre o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.
Como colectivos integrado por veciñas e veciños afectados pola posible instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei, a Plataforma Ulloa Viva decidiu presentar esta petición para que en distintas instancias da UE coñezan e analicen cuestións relativas ao Proxecto Gama que chocan frontalmente con boa parte da normativa da UE en materia medioambiental, tendo en conta ademais que Altri-Greenalia pretende financiar o 25% do seu proxecto con fondos públicos do programa Next Generation da UE.
O informe presentado pola Plataforma Ulloa Viva para sustentar a iniciativa presentada diante da Comisión de Peticións, elaborado en colaboración con expertos e técnicos en distintos eidos medioambientais e dereito comunitario, argumenta con contundencia que o Proxecto Gama “incumpre” os principios do DNSH (Do No Significant Harm) unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a realizar unha autoavaliación que asegure que o proxecto non afecta negativamente a un ou varios dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020 de Mitigación do Cambio Climático.
ALTRI
Altri considera que o seu proxecto GAMA ideado no municipio lugués de Palas de Rei "cumpre a machada os criterios" para acollerse ao Plan de Recuperación, a través do cal o Goberno central canaliza os fondos europeos Next Generation.
Nun comunicado remitido aos medios este venres, Altri sostén que o proxecto "foi deseñado con criterios de sustentabilidade e circularidad, tanto a nivel ambiental como desde o punto de vista do desenvolvemento de sectores produtivos clave no territorio, como son o forestal e o téxtil". Aseguran que a planta encaixa co obxectivo de "reducir a dependencia europea de fibras téxtiles procedentes doutros territorios" a través dun proxecto "tecnoloxicamente punteiro".
O director do proxecto Gama, Bruno Dapena, afirma que "se trata dun proxecto absolutamente pioneiro" pois será "a primeira planta no mundo que integrará nunha mesma instalación" os "dous procesos necesarios para a produción de lyocell".
BESTEIRO
Nun encontro co empresariado pontevedrés, Besteiro tamén falou do proxecto de Altri en Palas de Rei, expresando o seu rexeitamento e a súa convicción de que non cumpre cos requisitos para contar cos 250 millóns de financiamento extraordinario do Perte de descarbonización por parte do Goberno do Estado.
Respondendo a varias preguntas dos participantes neste encontro, Besteiro xustificou a necesidade de avaliar o proxecto de Altri desde a "perspectiva do público" tendo en conta que "aspira a ter" un 25% de diñeiro público a fondo perdido para ser viable economicamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.