Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 16/12/2024 | Actualizada ás 14:04
A CIG afirma que a tendencia do funcionariado galego é solicitar atención sanitaria pública e non privada (máis dun 85 % do profesorado con praza no últimos catro anos optou polo Sergas) polo que insiste en defender a transición dos usuarios de Muface ao SERGAS. O sindicato elaborou un informe con datos de Muface en base ao que afirma que "hai que reformular o sistema", xa que mostra unha "realidade con claras evidencias" dun cambio na elección da prestación sanitaria, "cunha tendencia, reforzada nos últimos anos, a elixir a prestación sanitaria pública".
No documento (presentado en rolda de prensa este luns pola responsable da área Pública da CIG, Laura Arrollo; Lucía Perón, da Executiva de CIG-Saúde; e o portavoz de CIG-Ensino, Suso Bermello), constatan tamén a situación "moi desigual" presente entre os diferentes colectivos funcionarios que forman parte de Muface. Así, de entre todos os colectivos funcionariais, o docente, tanto de ensino universitario como non universitaria, é o que ofrece uns maiores índices de elección da sanidade pública, cunha 58,9 % (porcentaxe que chega ao 65% no caso dos profesores e investigadores das universidades públicas galegas). Por contra, os funcionarios policiais optan na súa maioría pola asistencia privada (92,7 %), como fai tamén o funcionariado de Correos e o da Administración xeral do Estado (72,4 %). A estes hai que sumar o colectivo de mutualistas xubilados, que tamén se decantan por este tipo de entidades.
O máis destacable, aseguraron, é que as últimas incorporacións á función pública marcan unha tendencia moi clara de elección da sanidade pública: un 85,2 % do profesorado que aprobou as oposicións en Galicia nos últimos catro anos (con datos de xaneiro de 2021) optaron polo Sergas. Esta é unha cifra mesmo maior que a do conxunto do Estado, "tamén moi alta", que alcanza o 74,7 %. "O total de todo o funcionariado en activo en Galicia repártese case por igual entre as entidades privadas (49 %) e o Sergas (51 %). Tendo en conta tamén ao colectivo de xubilados, no total de mutualistas obrigatorios de Muface en Galicia hai un 58,7 % que opta polas entidades privadas e un 41,3 % que o fai pola sanidade pública", explican.
"ENTIDADES QUE UTILIZAN AOS USUARIOS COMO REFÉNS"
"A evolución demográfica, cun avanzado envellecemento do funcionariado e especialmente das persoas mutualistas xubiladas, que conforman a parte principal das persoas que optan pola atención privada, xunto coa tendencia marcada nos últimos anos no colectivo do profesorado da educación pública que, en cifras absolutas, máis mutualistas achega ao sistema, indica unha previsión de que, de manterse nos próximos anos, aumentará a presión voraz das aseguradoras médicas", afirman. Para os representantes da CIG, é "lamentable, nefasto e vergoñoso" a actitude destas entidades privadas, "e máis vergoñoso aínda, e máis incomprensible é que haxa organizacións sindicais que vaian da man dunhas entidades que, o que están a facer, é extersionar e utilizar como reféns aos funcionarios". Exemplo disto, sinalan, son as cartas enviadas por Adeslas e DKV aos seus usuarios informando a fin de servizo, "cando debe haber unha prórroga no caso de que haxa concurso".
"E non esquezamos que isto son entidades privadas que o único que queren é o seu beneficio (...). O que están a demostrar é que o último que lles importa é a saúde dos usuarios. O que lles importa é gañar máis diñeiro", insistiron. Ante isto, a CIG reclama, en primeiro lugar, unha visión "a futuro" do sistema, "tendo en conta cara a onde se encamiña a prestación" e avogan por unha transición á sanidade pública, polo que piden ao Goberno un "plan estratéxico". Remarcan ademais que esta transición debe ser "transitoria, negociada e non traumática" para o usuarios actuais, "paulatina e traballada". "E desde logo, cunha inxección económica e de recursos humanos", apostilan. "E se o fin é seguir mantendo a prestación sanitaria privada, desde logo tense que facer un control do servizo que se está prestando porque continúa empeorando. Agora mesmo a calidade é nefasta", lamentan, citando a "redución" de cadros médicos, a derivación de casos graves e o empeoramento da atención, entre outros.
"FALSIDADE" NAS COMPARATIVAS DE GASTO SANITARIO PÚBLICO-PRIVADO
Outro dos temas abordados foron os diferentes informes publicados por empresas e Xunta de Galicia que, para a CIG, están cheos de "falsidades", con datos que son "totalmente inexactos e que xogan con trampas". Matizan que no cómputo do gasto sanitario hai unha parte que nunca asumen as aseguradoras privadas, o farmacéutico. Os únicos medicamentos que van a cargo das aseguradoras son as de atención hospitalaria. Ademais, no gasto sanitario público tamén computa todo o medicamento preventivo (todos os cribados cancerígenos, enfermidades infecciosas, campañas de vacinación infantil, etc.). Doutra banda, apuntan que tamén se "distorsiona a realidade" se non se ten en conta o 'convenio rural', polo que todos os mutualistas con prestación privada que viven en municipios de menos de 20.000 habitantes fan uso habitual dos centros de saúde do Sergas, grazas ao convenio asinado entre ambas as entidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.