Rueda insiste nas bondades políticas de Altri: "A xente vai onde hai riqueza e postos de traballo"

O líder do PSdeG di que este proxecto non terá "axudas extraordinarias" e Pontón pídelle ao PPdeG que "rectifique" tras a masiva manifestación deste domingo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/12/2024 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Altri converteuse na pataca quente do goberno galego. Unha pataca quente coa que o Executivo galego e o PPdeG non saben xa como lidiar despois da masiva manifestación deste pasado domingo con milleiros de persoas, máis de 40.000 segundo a Policía Local e 100.000 segundo os organizadores. Por iso, este luns, o presidente da Xunta estivo comedido á hora de referirse a eses milleiros de manifestantes aínda que volveu insistir nas bondades da macrocelulosa que a multinacional portuguesa quere construír en Palas de Rei.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión de Consello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión de Consello | Fonte: DAVID CABEZON

"A xente vai onde hai riqueza e postos de traballo. E queremos que as boas novas veñan a Galicia", dixo sobre os proxectos industriais. "Pero teñen que cumplir co medio ambiente e senón non virán a Galicia", engadiu. O líder do PPdeG insistiu en que ese proxecto se realizará se é "viable" técnicamente e cumpre os criterios de protección mediombiental, pero suliñou que Galicia tamén ten que captar financiamento e empresas interesadas en investir no país. "Temos que captar postos de traballo porque senón outras autonomías están atentas para non deixar pasar as oportunidades", destacou. "Se é viable farase, e senón, non", engadiu.

O mandatario galego volveu suliñar que, aínda que está a favor deste proxecto, a decisión final é dos técnicos. Unha argumentación que ven mantendo desde hai meses. Seran eles, dixo, os que dictaminen se é viable en base a afectación que ten no medio ambiente. "Nós temos que ter firmeza na xestión política e confianza nos técnicos, pero agardemos que o futuro industrial quede aquí e que estes proxectos non marchen de Galicia", mantivo. 

Sobre as miles de alegacións, Rueda dixo que "moitas son idénticas", pero que haberá contestación "de xeito razonado a todas". "E isto é o que pide un proceso transparente e obxectivo", sinalou. O mesmo dixo sobre os prazos do informe final. "Non dependen de min, senón da aportación de documentación e non serei eu o que lle meta présa a un técnico", dixo.

"CAL É A ALTERNATIVA"

E, ao mesmo tempo, insistiu na súa defensa do proxecto. "A alternativa cal é?, rexeitar todos os proxectos aínda que sexan respetuosos co medio ambiente", reflexionou Rueda que lembrou que o PPdeG é o único partido que mantén a súa posición anterior ás eleccións galegas do pasado ano. "Antes das eleccións á oposición parecíalle marabilloso este proxecto e resulta que agora cambiaron completamente de opinión, sobre todo, o BNG", dixol

De feito, e a diferencia do que fixo a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o domingo, Rueda foi máis coidadoso á hora de vincular a todos os manifestantes, milleiros deles, co Bloque. "Todo o meu respecto para os manifestantes e que acudiron de boa fé ou por plantexamentos políticos", dixo distinguindo aos que foron convocados polo BNG, dos que foron por outras motivacións.

En todo caso, para quen de "boa fe" secundaron a marcha, recalcou que poden ter a "garantía absoluta" de que o seu Goberno non permitirá que ningún plan que vulnere a normativa ambiental vexa a luz.  Isto marca un cambio importante na estratexia do PPdeG porque, ata agora, insistía en que a mobilización contra Altri era monopolizada polo BNG. A masiva participación de onte, con numerosas entidades, plataformas e veciños de numerosas localidades de Galicia, botou por terra esa argumentación que utilizou Paula Prado o domingo.

PONTÓN

Pola súa banda, os principais líderes da oposición pedíronlle a Rueda e a Xunta que cambien este proxecto e "escoiten á cidadanía". Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamoulle que "baixe da súa torre de marfil", que "rectifique" e que teña a "humildade" de escoitar ás persoas que se manifestaron este domingo en Compostela contra Altri e que defenderon que Galicia "non pode ser o colector dunha macrocelulosa que non queren en ningún sitio".

Así mesmo, mostrouse "convencida" de que a manifestación celebrada este domingo en Santiago é "a maior mobilización social en Galicia despois do 'Nunca Máis'" e advertiu de que o Goberno de Rueda "pagará moi cara a súa deslealdade se decide seguir adiante coa traizón que significa Altri".

Nesta liña, advertiu de que "nin con toda a propaganda do PP, nin tampouco con toda a propaganda da multinacional van calar á sociedade galega". Neste sentido, fixo fincapé en que "non van ser capaces de tapar a verdade" aínda que "enchan o país con publicidade". "Estou convencida de que igual que pasou no 2005, esta gran mobilización vai ser un gran paso adiante no cambio de ciclo que necesita Galicia, porque os galegos e as galegas deixaron ben claro que non están dispostos a ter un Goberno que traballa a favor de Altri e en contra das súas vidas", sinalou.

A preguntas dos medios sobre un posible PERTE para Altri, a portavoz nacional asegurou que "espera" que o Goberno de Pedro Sánchez "escoite" á cidadanía galega e non ao "tándem PP-Altri" que pide 250 millóns de euros para "financiar unha bomba ambiental". "Espero que o señor Sánchez escoite a voz dos galegos e das galegas e non a ese tándem Partido Popular-Altri e que vexamos que este proxecto non segue adiante", subliñou.

BESTEIRO

Precisamente, sobre isto, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou este luns a súa "convicción" de que o proxecto de Altri non contará con financiamento extraordinaria por parte do Goberno do Estado. O xefe de filas do PSdeG mostrouse convencido de que estes fondos públicos non chegarán, a pesar de que asegurou que non ten a confirmación do Executivo estatal.

Besteiro considerou necesario avaliar o proxecto desde a "perspectiva do público" tendo en conta que "aspira a ter" fondos públicos. "Lembrarán vostedes que hai uns meses o propio responsable da empresa mencionaba que necesitaba 250 millóns de financiamento público a fondo perdido para que fose viable", dixo.  Segundo indicou, xa naquel momento, asegurou que "un proxecto que necesitaba un 25% de fondos públicos a fondo perdido cheiraba a chamusquilla". "Que ocorre se non hai eses 250 millóns? Xa non é viable economicamente?", preguntouse para asegurar que iso supuxo para os socialistas unha "primeira alarma".

"Cada día me sorprende máis. Ousexa que agora un deputado decidirá o que vai facer o Goberno central", replicou Rueda. "En todo caso é curioso que diga iso logo desta manifestación e dun proxecto que está agardando por financiamento. Isto ten pouco sentido", respondeu Rueda a este respecto.

Besteiro, sostivo que el considerou "fai tres meses" que se debía continuar na liña de "fiscalizar" o proxecto. Ademais, referiuse a a petición da empresa de 30 millóns en axudas do Perte de desvalorización ao asegurar que "parece difícil" o encaixe desta petición. "Como se descarboniza o que antes non existía?", preguntou. Así as cousas e tendo en conta que "non será posible esa axuda extraordinaria", considerou necesario saber que vai facer o presidente da Xunta, Alfonso Rueda e o PP respecto diso, se van financiar o proxecto e a través de que medios.

Cada día me sorprende máis. Un deputado decidirá o que vai facer o Goberno central. Se estas cousas. En todo caso é curioso esa manifestación e é un proxecto que está agardando por financiamento. Isto ten pouco sentido que un eputado fale e que opinen os técnicos e

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 mCvq

Aha asi que o único que lle interesa a Anita é que todo esto "vai ser un gran paso adiante no cambio de ciclo que necesita Galicia" é dicir politizar o desenvolvemento industrial. Non lle interesa o debate de se esta industria cumpre os requisitos ambientais da UE. So interesa instruméntala políticamente. Ben polo BNG. De industria postos de traballo e xerar riqueza eso que máis da o importante asaltar a Xutna.