Profesor de ordenación do territorio na USC sobre Altri: "É coma se deixásemos en mans do mercado a ordenación do territorio"

Emilio Rafael Díaz Varela, profesor de ordenación do territorio na Universidade de Santiago de Compostela (USC), critica que en Galicia "temos un nivel de ordenación forestal xerárquico sobre o papel, pero este non desenvolvido na práctica".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/12/2024 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Ao igual que acontece no caso das cidades, a ordenación dos montes tamén é fundamental para lograr un equilibrio no ecosistema e un bo aproveitamento dos recursos, máis aínda nunha Galicia onde o 90 % do territorio está cuberto polo verdor da nosa vexetación. Actualmente, a nosa terra conta con 1,3 millóns de hectáreas de monte particular, moitas delas de propietario descoñecido, fronte a entre 600.000 e 700.000 hectáreas de monte veciñal (últimos datos, correspondentes ao ano 2021), polo que ordenar un monte con esta particularidade non é algo sinxelo. Dende o Galicia Confidencial falamos con Emilio Rafael Díaz Varela, profesor de ordenación do territorio na Universidade de Santiago de Compostela (USC) que nos explica os retos que esta enfronta na práctica, as medidas contempladas nos diferentes plans existentes e o risco que supón deixar nas mans do tecido económico a xestión dos nosos montes.

Solta de cabalos galegos de monte en Fornelos de Montes
Solta de cabalos galegos de monte en Fornelos de Montes | Fonte: UVigo - Arquivo

Como nos explica Díaz Varela, na actualidade a situación dos montes galegos "é un pouco inmadura no que respecta a políticas de ordenación propiamente ditas". Nun principio, "a planificación a nivel estratéxico está plasmada no Plan Forestal de Galicia e tamén na Lei de Montes, onde se definen os instrumentos de planificación forestal con incidencia no territorio". Sen embargo, para o profesor, "algo que se nos esquece habitualmente é a necesidade dunha planificación sectorial con incidencia sobre o territorio, que defina un esquema xerárquico que se podería plasmar en instrumentos de ordenación e planificación". Así, na parte máis alta dese esquema xerárquico estaría, precisamente, o Plan Forestal de Galicia. Logo habería outro tipo de instrumentos a nivel intermedio, que serían os Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF). E, finalmente, xa nun nivel inferior estarían os Plans de Ordenación de Montes, un dos instrumentos máis básicos de ordenación e que contan con gran tradición, ao ser os que se lles esixen aos montes veciñais e aos montes  en mancomún, para que definan como van ser.

Con todo, e aínda que os plans de ordenación forestal e os instrumentos de ordenación forestal si están desenvolvidos sobre o papel, Díaz Varela lembra que "a nivel técnico e administrativo os plans de ordenación de recursos forestais, os PORF, non están aprobados". E defende que, precisamente, "serían estes os que permitirían facer unha ordenación supramunicipal, pensando a nivel de comarca, e tamén os que permitirían trasladar os obxectivos que estarían definidos no Plan Forestal a unha zona subrexional ou supramunicipal". Isto evidencia que cumprirían unha función moi importante dentro da orientación das políticas de ordenación forestal. Por desgraza, como insiste, "están bastante ausentes e non contamos con ningún aprobado actualmente". "A conexión a nivel de ordenación do territorio é bastante importante, porque sería o que permitiría dar un pouco de coherencia á coordinación coa ordenación territorial integral, é dicir, entre a planificación sectorial (forestal) e a integral (de todo o territorio), que ata agora ben estando representada polas directrices de ordenación do territorio, e, dunha maneira moi paralela, ao que está acontecendo coa ordenación sectorial a nivel forestal, por outro tipo de formas de planificación, que son os plans territoriais integrados, os cales tampouco se atopan moi desenvolidos, e dos cales ata o de agora só hai un aprobado: o Plan do Litoral", asevera o profesor da USC.

"UNHA DAS CAUSAS DA EXPANSIÓN DOS INCENDIOS FORESTAIS É, PRECISAMENTE, O DÉFICIT DE ORDENACIÓN TERRITORIAL QUE HAI NA PRÁCTICA"

Así as cousas, Galicia conta na actualidade, en teoría, cun nivel de ordenación que podería ser xerárquico e que podería poñer un pouco de orde sobre o seu monte, pero que, aínda que está ben sobre o papel, non está para nada o suficientemente desenvolvido na práctica. Entre os motivos polos que isto pode acontecer, hai que lembrar que Galicia conta cunha propiedade fragmentada do monte, con moitas fincas en mans de particulares e con outras moitas de propietario descoñecido. Como recoñece Díaz Varela, "a planificación territorial, en xeral, non é fácil, xa sexa forestal ou urbanística, porque o sistema territorial é un sistema complexo, cambiante e dinámico". E, "aínda que nós temos que poñer da nosa parte como sociedade, son as administracións públicas as que teñen que poñer unha serie de principios guía para empezar a traballar". Algo que lles debía resultar máis doado, tendo en conta que "hai mecanismos xa previstos a nivel normativo para facelo". "Evidentemente é difícil facer unha ordenación, pero iso non quere dicir que non teñamos que poñernos mans á obra con ela", reivindica o  profesor da USC.

Incendio forestal en Galicia, bombeiros e veciños dos pobos tentando apagar o lume prendido nos montes galegos
Incendio forestal en Galicia, bombeiros e veciños dos pobos tentando apagar o lume prendido nos montes galegos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

E é que a ordenación territorial está tamén directamente relacionada cun dos grandes perigos que cada ano ameazan aos nosos montes: os incendios forestais. Grandes lumes como os que arrasaron Galicia no 2017, deixando ao seu paso unha elevadísima superficie queimada, levaron vinculados tamén toda unha serie de elementos desastrosos, como a aparición de novos tipos de incendios, moi ligados aos eventos climáticos. "Dende a universidade organizámonos por aquel entón para facer un manifesto relacionado coa xestión dos incendios forestais e, unha das nosas conclusións, entre outras, foi que precisamente había un déficit de ordenación territorial", lembra Díaz Varela, que incide na necesidade "dunha ordenación territorial integrada e que permita xestionar dende o punto de vista espacial o monte, definindo a capacidade estratéxica que pode ter a definición de usos do solo no territorio, fundamental para evitar que se estendan os incendios forestais e se chegue a situacións iguais ou peores que a de 2017". Pois hai que ter en conta que "a situación é cada vez máis complicada e complexa, tendo en conta as estimacións sobre a evolución do cambio climático", recorda.

"O CAMBIO CLIMÁTICO VAI SER UN DOS ELEMENTOS DE MAIOR COMPLEXIDADE NA ORDENACIÓN, POLO QUE CONVIRÍA UNHA PLANIFICACIÓN ADAPTATIVA"

Cambio climático que xa está aquí e que xa se deixa sentir cada ano. "Ese vai ser, cada vez con máis relevancia, un dos elementos de maior complexidade na ordenación territorial", asegura o profesor da USC, que anticipa que "imos ter diferencias climáticas que van por en xaque aproveitamentos do territorio ata agora moi importantes, necesidades para a poboación derivadas de eventos meteorolóxicos como as secas" e maior risco de incendios forestais fóra das épocas de alto risco, entre outras cuestións. "Todo iso tamén requeriría que fósemos quen de facer o que se coñece tecnicamente como unha planificación adaptativa, é dicir, contar cunha planificación e fondo, pero que permita tamén certa flexibilidade na aplicación das diferentes medidas", explica Díaz Varela. Ao final, trátase de contar cunha certa capacidade de ordenación e planificación que poida adaptarse ao escenario actual de cambio climático.

Ademais, a ordenación do monte tamén podería traer consigo beneficios moi necesarios na Galicia actual: a loita contra o despoboamento e a fixación de poboación no rural. Por iso, Díaz Varela insiste en que "o problema principal é o gran déficit de ordenación que temos actualmente". E iso a pesar de que "nas diferentes normativas coas que xa contamos, como o propio Plan Forestal, avógase por buscar un aproveitamento multifuncional do monte, encaixando este dentro dunha visión multifuncional do territorio", de maneira que "esa visión permitiría unha diversificación das actividades dentro do rural, incluídas aquelas que tiveran que ver co aproveitamento do monte". Neste senso, o profesor da USC apunta á "diversificación de especies, actividades económicas derivadas, integración dentro da paisaxe...". Ademais, reivindica a necesidade de "valorizar a capacidade que ten a poboación de opinar o que quere para o seu territorio e de participar dentro das medidas de ordenación que se vaian implantar sobre o mesmo".

"RESULTA MOI CHAMATIVO QUE ÁS VECES SE ADOPTE UNHA POLÍTICA ECONÓMICA CONTRARIA AO QUE SE AGARDA DOS INSTRUMENTOS DE PLANIFICACIÓN"

Para ninguén é algo novo o dicir que actualmente a maior parte dos propietarios galegos que teñen fincas con aproveitamento forestal, optan pola plantación de eucaliptos, polo seu máis rápido crecemento e máis rápida rendibilidade. E, aínda que esa é unha cuestión que os diferentes plans que abordan a ordenación do territorio recollen sobre o papel, non así na práctica. "Os plans abordan a problemática da diversificación de especies, por exemplo, no sumario do Plan Forestal de Galicia vemos que existen iniciativas asociadas a un aproveitamento multifuncional do monte que levan implícitas unha serie de elementos de diversificación económica, pero, sen embargo, a realidade na práctica é a que vemos: existe unha expansión brutal monoespecífica, moi pouco recomendable en moitos dos casos, e que leva asociada toda unha serie de factores económicos e sociais detrás que deberían estarse abordando de maneira urxente", advirte Díaz Varela.

Na súa consideración, "resulta moi chamativo que ás veces se leve a cabo unha política económica contraria ao que se agarda dos instrumentos de planificación", e pon o exemplo do proxecto que Altri en Palas de Rei, que demanda inxentes cantidades de eucalipto. "Resulta complicado entender algo así dentro das políticas de ordenación forestal", asegura, pois indica que "é coma se deixásemos nas mans do mercado a capacidade de ordenación do territorio". Así, aínda que concede que, "evidentemente, necesitamos desenvolvemento industrial e desenvolvemento de actividades económicas, tamén nos temos que plantexar que, como sociedade, debemos contar cunha capacidade de actuación fronte a iso, e ver cales poden ser realmente as consecuencias a nivel territorial de ser excesivamente monolíticos dentro dos plantexamentos económicos que queremos para o noso rural e, especialmente, para as nosas zonas forestais", reflexiona Díaz Varela.

"É PRECISO E DESEXABLE QUE A POBOACIÓN CONTE CON MAIOR CAPACDADE DE INFORMACIÓN SOBRE O QUE É EXACTAMENTE A ORDENACIÓN TERRITORIAL"

Para evitar que isto aconteza, tamén é fundamental manter informada á poboación. "Realmente en Galicia si contamos cunha tradición participativa da poboación na toma das decisións, como se pode ver, por exemplo, nos procesos democráticos ligados aos montes veciñais e en mancomún, pero tamén é certo que actualmente están un pouco restrinxidas esas capacidades de participación", afirma o profesor da USC, que apunta tamén aos Programas de Cooperación ESPON da Unión Europea (UE), dentro dos que hai proxectos nos que "xa se vén abogando polo concepto de gobernanza territorial e de cohesión territorial dende hai tempo, o que implicaría, máis que ter unha ordenación de arriba a abaixo en exclusiva, o desenvolvemento de toda unha serie de elementos que permitirían a participación da poboación dentro dos procesos de ordenación territorial".

Un dos pilares desa gobernanza debe ser o intercambio de información coa poboación, isto é, "a capacidade de facer ver á poboación cales son os beneficios de contar cun territorio ordenado e de participar nesa ordenación a partir de diferentes estamentos", logrando así "ser máis veraces dentro da capacidade que podemos ter para arreglar desequilibrios territorias ou de levar a cabo un desenvolvemento socioeconómico integrado e sostible dentro do rural". Como indica Díaz Varela, "as investigacións de diferente índole que facemos indican que a poboación, especialmente a das áreas rurais, considera que si que cada vez é máis necesaria a ordenación territorial". Isto é algo que, como conta, "detectamos moito despois dos grandes incendios que arrasaron Galicia hai uns anos e tamén cando aparecen diferentes conflitos a nivel territorial". É entón cando a xente menciona o concepto de ordenación territorial, "pero sería preciso e desexable que a poboación contase cunha maior capacidade de información sobre o que é exactamente a ordenación territorial e como se pode implementar na práctica".

"FÁLTANOS CULTURA DO TERRITORIO, SABER O TERRITORIO QUE LLE QUEREMOS LEGAR ÁS FUTURAS XERACIÓNS, OS RECURSOS QUE QUEREMOS OBTER DEL..."

Chegados a este punto, a pregunta é: cales serían os retos que temos que afrontar a día de hoxe para lograr unha planificación real do territorio e do monte? Por unha banda, Díaz Varela asegura que "o tema económico ten moito peso", pero "tamén temos que ter en conta que realmente a falta de ordenación do territorio cústanos cartos, é gravoso para a sociedade". Isto é algo que se pode ver ben cando se dan conflitos a nivel territorial ou cando se desencadean importantes incendios forestais. Máis aló diso, entre os grandes retos a encarar, o profesor da USC apunta como o principal "conseguir que a sociedade se dea conta do valor que ten a ordenación territorial, incluíndo aquí tamén aos estamentos da administración pública". Así, insiste en que "dentro das diferentess normativas (a Lei 1/2021 de Ordenación do Territorio, a Lei de Montes, o Plan Forestal, a Lei de Recuperación da Terra Agraria...), hai un suficiente número de instrumentos de planificación que poderían ser empregados e postos en marcha, pero que precisan dunha implementación real".

O segundo reto para Díaz Varela sería "a coordinación da planificación integrada, a que abrangue a todo o territorio: forestal, agrícola, urbano, núcleos rurais, actividade industrial...". Esta "debería estar coordinada coas diferentes planificacións sectoriais, que inclúen a planificación forestal". E o terceiro grande reto sería, dende o seu punto de vista, "a integración da poboación nos procesos de ordenación, logrando esa gobernanza e cohesión territorial".  E é que, a día de hoxe, "unha das cousas que nos falta é unha idea de territorio como tal, porque moitas veces nin sequera temos idea de que territorio queremos para o futuro". Neste sentido, denuncia, facendo mención ao manifesto 'Por una nueva cultura do territorio', creado por diferentes investigadores e traballadores sobre o territorio, que "fáltanos cultura do territorio, isto quere dicir, que non debemos pensar no noso territorio como unha composición de elementos illados, senón que debemos ter unha opinión do territorio que lle queremos legar ás futuras xeracións, dos recursos que del queremos obter ou dos servizos ecosistémicos que podemos sacar". Iso é a verdadeira cultura do territorio.

Reforestación en montes galegos
Reforestación en montes galegos | Fonte: CO2 revolution - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta