Os afectados de Altri: "Pedímoslle á Xunta empatía e humildade co sufrimento que este proxecto nos causa"

A Plataforma Ulloa Viva lembra que o líder da patronal téxtil, Alberto Rocha, e o exconselleiro do PP Javier Guerra “demostraron tanto a súa empatía como respecto" polos afectados nunha xuntanza.

Por Galicia Confidencial | Palas de Rei | 19/12/2024 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

A Plataforma Ulloa Viva está a asistir desde o pasado domingo a declaracións por parte de membros da Xunta de Galicia que “teñen provocado indignación” entre os milleiros de persoas que participan activamente na loita contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Desde Ulloa Viva consideran “unha falta de respecto” os “continuos desprezos e mentiras” que este colectivo está a escoitar do Goberno galego. 

Bateeiro protesta contra Altri na Ría da Arousa
Bateeiro protesta contra Altri na Ría da Arousa | Fonte: Adrián González

A pesares das alegacións, as manifestacións, mobilizacións e peticións de reunións a Plataforma Ulloa Viva “lamenta” que a resposta do goberno do señor Rueda segue a ser a mesma “tirar para adiante primeiro faltándonos ao respecto, intentando politizar a mobilización e agora facendo como se non existíramos”. A Xunta mandoulle á Plataforma Ulloa Viva un dos seus requerimentos para que o colectivo xustificara o seu “interese” na tramitación de Altri, “ quérennos negar ser parte interesada, pedimos os informes técnicos que a Xunta leva meses filtrando á prensa e negándonolos”.

 

Logo de ter celebrado o domingo unha manifestación histórica e pacífica en Santiago, a única resposta que recibimos do goberno do señor Rueda é anunciarnos a través da súa conselleira de Medio Ambiente que “os informes do seu departamento están listos e son positivos para Altri”, e da súa conselleira de Economía que “teñen todo preparado para dar unha resposta a Altri antes de que remate o ano”. A plataforma pregúntase onde quedan as veciñas, que valor teñen para a xunta e aclaran: “insisten na implantación pola forza que nunca será”.  "Esixímoslle a Rueda e ao seu goberno respecto, empatía co sufrimento que este proxecto nos causa, un pouco de humildade e algo de autocrítica sobre a súa maneira de proceder para con nós”, indican.

 

XUNTANZAS

Dúas persoas durante unha nova protesta contra a empresa de celulosa Altri, na porta principal da Xunta de Galicia, a 30 de xuño de 2024, en Santiago de Compostela
Dúas persoas durante unha nova protesta contra a empresa de celulosa Altri, na porta principal da Xunta de Galicia, a 30 de xuño de 2024, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Arquivo

 

Aseguran desde a Plataforma que “resulta incomprensible nun goberno” que a única resposta á petición de máis de 100.000 persoas nas rúas de Compostela sexa “seguir adiante a toda costa, sen un mínimo de autocrítica, e sen escoitar ao pobo, anunciar prazos e informes favorables a Altri e dicir que non falaron con nós porque non o pedimos”." Diante desta grave e irrespectuosa actitude da Xunta, a Plataforma Ulloa Viva recomendámoslle ao presidente da Xunta e ás súas conselleiras que revisen o seu correo desde o ano 2022, en que Ulloa Viva comezou a pedir ao goberno galego que acudira a Palas de Rei a explicarlle á veciñanza o proxecto de Altri", apuntan nun comunicado.

Así, destaca que, antes e despois da campaña electoral das pasadas eleccións autonómicas de febreiro de 2023, a Plataforma ten pedido reunións con todos os grupos políticos, co presidente da Xunta e distintas consellerías, ademáis de varios ministros e membros do Goberno do Estado. Co novo Parlamento constituído representantes de Ulloa Viva mantiveron reunións no Pazo do Hórreo con todos os grupos políticos presentes na Cámara Galega. “Tamén o fixemos en Bruxelas e no Congreso dos Deputados”, explican.

Nestes dez meses de insistencia en pedir reunións e información para contrastar datos e opinión, a Plataforma Ulloa Viva só acadou da Xunta que o pasado mes de xullo un director xeral da Consellería de Economía recibira a dous membros da plataforma, logo dunha petición dirixida á conselleira Lorenzana. “Esa foi a única resposta ás insistentes peticións a distintas instancias da Xunta, do presidente para abaixo, que levamos meses facendo”.

XUNTANZAS

A Plataforma, destaca, sí se reúne con todos os colectivos, organismos e persoas que así o solicitan. De feito, fai dous meses dous representantes da Confederación de Industrias Téxtis de Galicia (Cointega) pediron manter unha reunión de traballo coa plataforma para intercambiar opinións sobre o proxecto e entender a contestación social e científica. En dita reunión, tanto Alberto Rocha,  como o exconselleiro do PP Javier Guerra “demostraron tanto a súa empatía coa veciñanza como o seu absoluto respeto por un movemento veciñal apartidista. Intercambiamos opinións e informes e coincidimos en que a nivel económico a macrocelulosa de Altri non tería vinculación directa co sector téxtil, senón que actuaría coma unha illa coas súas propias dinámicas”. 

“Esto é o que fai un responsable político ou empresarial diante de calquera cuestión que acade a dimensión de Altri-Greenalia”, explican desde a Plataforma. “E isto sería o que tería que facer calquera política responsable que sabe do malestar dun sector que é da súa competencia. Chamar e reunirse cos cidadáns aos que supostamente representa, e intentar entender a súa postura en vez de mentir co fin de ningunealos”. 

Oídos xordos a todo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta