Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 07/11/2011
Este acto foi, en sí mesmo, unha profunda anomalía. Non debería ser preciso. A ninguen se lle ocorre promover un encontro así en Liverpool para honrar aos sanitarios que usan o inglés no seu traballo. Nin se lles pasa pola cabeza celebrar un acto coma este en Barcelona para rendir homenaxe a quen use o catalán no exercicio da profesión. Pero en Galicia seguen a ser precisas intervencións deste tipo porque somos unha sociedade anómala que renega do seu e non é quen de defender a súa principal creación cultural: o idioma. Non estamos obrigados na defensa do galego só polo respecto aos nosos antecesores, nin por razóns de tipo identitario: o compromiso principal témolo con todo o planeta. O galego é patrimonio da Humanidade e a súa perda sería tan grave como o deterioro da biodiversidade. Segundo Teresa Moure a linguo-diversidade é unha fonte da que abrollan ópticas e actitudes culturais diferenciadas, que nos reconstrúen como habitantes de mundos distintos que se encontran a través da linguaxe. Debemos protexer a lingua porque “as culturas e as linguas, como as especies en perigo de extinción, non morren: son asasinadas”. Esta é a nosa responsabilidade actual: evitar o lingüicidio.
O porvir do galego está en risco -non así o do castelán, presente en todos os ámbitos da vida pública-. A xuventude, sobre todo no contorno urban, está instalada no castelán de xeito case exclusivo. De non mudar esta tendencia, en poucas décadas o galego será unha lingua ritual, tal como era o latín na misa. Pódese cumprir a profecía descrita por Santiago Lamas que prognisticaba –no seu libro Galicia borrosa- un territorio convertido en Parque Temático: as ferramentas agrícolas colgadas nas paredes dos restaurantes, os horreos ergueitos nos xardíns dos novos ricos e o galego reservado para uso ritual nas cerimonias, pero excluido da vida cotiá. Para que a lingua non esmoreza ten que estar viva nos patios dos colexios, nos mercados de abastos, nos campos de fútbol e, tamén, nos hospitais e nos centros de saúde.
Na relación cos pacientes (cando son galego-falantes) o uso do galego favorece a empatía, a proximidade afectiva e mellora a comunicación. As persoas maiores valoran en grande medida que o profesional comparta o seu idioma. Nalgúns casos a fala compartida mesmo pode ter efectos terapéuticos. A utilización do galego no mundo sanitario tamén pode ter, sen dúbida, un efecto potenciador para o propio idioma. Máis a realidade é que o galego na sanidade ten hoxe unha presenza residual, e o compromiso da Consellería coa fala é nulo. Pola contra, nos últimos dous anos tense producido un serio retroceso na presenza do galego nos documentos sanitarios e nas ferramentas informáticas. A Irmandade da Sanidade Galega nace co propósito de mudar esta tendencia: pretende fomentar o compromiso co galego no exercicio profesional e aumentar a presenza do idioma nos centros sanitarios. Agardemos que a Administración entenda a mensaxe e apoie tamén esta iniciativa.