Vargas Llosa, na Coruña: "O gran problema da época contemporánea é a mentira con aparencia de verdade"

O Premio Nobel de Literatura participa este venres nun seminario sobre a súa obra na UDC.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/03/2019 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa, que este venres participará nun seminario sobre a súa obra organizado pola Universidade da Coruña (UDC), asegurou que "o gran problema da época contemporánea é a mentira con aparencia de verdade". Así se pronunciou ao ser preguntado, nun encontro con xornalistas galegos, se cre que nestes momentos hai censura ou autocensura.

O Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa
O Premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa | Fonte: UDC.

Vargas Llosa atribuíu á "revolución audiovisual" o feito de que nestes momentos non sexa a censura "o gran problema". No entanto, considerou que "a mentira disfrazada de posverdade" si é o problema na sociedade actual.

O Premio Nobel de Literatura, que agradeceu a organización deste simposio por parte da UDC, explicou que cando hai un evento deste tipo asiste "con temor". "Os críticos e os investigadores saben máis dos libros que eu mesmo", dixo sobre as súas obras.

Preguntado sobre a situación actual en España, definiuna como "complicada". Con todo, mostrouse "optimista" e comparou a España de agora coa que había cando el chegou como estudante na década dos 50. "As novas xeracións non saben o que teñen", dixo ao destacar "a modernización" e "democratización" do país.

ESCRIBINDO CADA DÍA

Vargas Llosa sinalou, por outra banda, que continúa escribindo cada día e confirmou que nestes momentos traballa nunha novela situada en Centroamérica. "Con raíces históricas, pero moito de imaxinación como ocorre en boa parte das novelas que escribo", engadiu.

No entanto, precisou que, para el, escribir non é un traballo, entendido como "servidume". "É un pracer, é algo que un realiza porque se sente impulsado a facelo", sinalou o Premio Nobel de Literatura que, a pesar da súa dedicación á actividade literaria, se confesou "un entusiasta" das boas series de televisión.

"Retoman a vella tradición das novelas por entregas", asegurou o autor que explicou que, xunto a escribir, dedica o seu tempo a ler dúas obras ao mesmo tempo. E é que recoñeceu que, entre as series e os libros, el queda con estes últimos. "Algunhas series, sendo moi boas, están por baixo dos libros".

Antes da súa comparecencia ante os medios de comunicación, Vargas Llosa asinou no Libro de Ouro da UDC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Perú (pavo en pt)

E vostede diso si que sabe... Eh pillín!!!