Suárez di que "aínda" non existen negociacións entre PSOE e Ferrol en Común para a formación de goberno

O rexedor en funcións incide en que o único que se produciu son "contactos informais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2019 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol en funcións, Jorge Suárez, asegurou que as negociacións para chegar a un acordo de goberno entre Ferrol en Común e o resto de partidos políticos da esquerda nesta cidade "van a un ritmo pausado".

Jorge Suárez.
Jorge Suárez. | Fonte: Europa Press.

Así, este xoves, recoñeceu que por agora son "contactos informais" e que "aínda non se produciu ningunha negociación en firme". "Temos que centrarnos primeiro. Concordo totalmente con (Ángel) Mato --o candidato do PSOE-- en conseguir un goberno estable, de trece persoas e que non sexa unha nova decepción para a cidadanía", remarcou.

Nunha comparecencia realizada no Concello de Ferrol, o aínda alcalde trasladou que "a partir de aí, xa se poderá falar de áreas ou de distribución de competencias". "Agora o que non convén é xerar ruído innecesario, ter a maior discreción posible, para evitar que se enturbe calquera diálogo", incidiu.

Deste xeito, apunta que "por parte dos tres grupos da esquerda hai boa fe" e "bo entendemento", polo que confía en que "todo isto frutifique."

Jorge Suárez tamén aproveitou a súa comparecencia para autodescartarse para participar persoalmente nas negociacións. "A nivel persoal non creo que me corresponda participar nas negociacións porque non é habitual que os candidatos, os números un, participen delas", opinou.

Así as cousas, avanza que delegará estas funcións "nun grupo de persoas de Ferrol en Común" no momento en que o Partido Socialista decida iniciar os contactos formais.

"Deixamos que o PSOE tome a iniciativa e que comunique o que eles estimen oportuno, nós non imos antepor os nosos intereses aos da cidade e no noso caso ímonos manter nun segundo plano, xa que quen debe de liderar e pilotar este proceso é Ángel Mato e o seu equipo", remarcou.

Por outra banda, tamén reiterou que ten previsto someter á decisión da asemblea do seu partido a súa continuidade no Concello, algo que se producirá de maneira paralela á consulta que se realizará ás bases sobre un hipotético acordo de goberno co PSOE.

"Estamos a agardar por se hai acordo de goberno para sometelo de maneira simultánea ante a mesma", incidiu, antes de apuntar que non van pedir a súa dimisión, xa que ao seu entender "a asemblea é un grupo homoxéneo, unido, plural e leal a unha idea que non é Jorge Suárez senón que é Ferrol en Común".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta