A nova lei de ordenación do territorio de Galicia entrará no Parlamento este ano

O V Congreso da APLU reúne en Santiago a 400 especialistas para abordar retos sobre a legalidade urbanística como o despoboamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2019 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, avanzou que a nova lei de ordenación do territorio de Galicia entrará no Parlamento este ano, que substituirá á actual normativa de 1995.

Na apertura do V Congreso da Axencia Galega da Legalización Urbanística en Santiago, a conselleira asegurou que, "se é posible", vai comezar este ano coa tramitación na Cámara autonómica desta futura lei.

Deste xeito, "modernizarase a normativa neste campo", mentres se apostará pola "simplificación e seguridade xurídica e administrativa", "integrando nela a tramitación ambiental". Aquí, subliña que o papel da APLU será "fundamental" para alcanzar un desenvolvemento urbanístico "sustentable" e "equilibrado".

Na actualidade hai 78 concellos adheridos á APLU, encargada da inspección e vixilancia urbanística, así como da reposición da legalidade. Por provincias, son 28 na Coruña, 23 en Ourense, 14 en Pontevedra e 13 en Lugo.

Actualmente, a APLU cobre o 20% da superficie de Galicia e o 15% da poboación. Tras sumarse 16 municipios nesta lexislatura, sete deles en 2018, a conselleira emprazou a que máis municipios se adhiran a esta axencia.

Anxos Vázquez subliñou que en 2018 baixaron as multas coercitivas ante o aumento da concienciación, mentres o 94% das actuacións para repor a legalidade son execucións subsidiarias que levan a cabo os propios particulares, xa que só nun 6% dos casos ten que realizalas a APLU.

Na actualidade hai 102 municipios con plans xerais de ordenación municipal, mentres espera que plans básicos para menos de 5.000 habitantes estean "listos" en 2019.

CONGRESO

O V Congreso da APLU celébrase entre este luns e mércores en Santiago, cuns 400 participantes, nunha cita que conta coa presenza de especialistas de diferentes autonomías e países como Francia e Portugal (o 17% dos inscritos son de fóra).

Na inauguración ademais do director da APLU, José Antonio Cerdeira, estivo o presidente do Consello Consultivo, José Luís Costa Pillado, quen deu conta do funcionamento do órgano que lidera.

Neste sentido, Costa Pillado recoñeceu que o Consultivo é unha institución "moi descoñecida". "Non somos protagonistas de nada", dixo. Así, reflexionou sobre a función de "prevención" deste órgano antes de que se establezan normas no marco dun contexto xurídico "complexo".

Pola súa banda, neste evento aumentan ata seis os talleres, nos que se abordarán temáticas como os novos modelos urbanísticos, o control xudicial e o despoboamento.

A nova lei de ordenación do territorio de Galicia entrará no Parlamento este ano. XUNTA
A nova lei de ordenación do territorio de Galicia entrará no Parlamento este ano. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta