Son só homes os que loitan contra os lumes?... O papel invisible da muller no mundo forestal

O proxecto Batefogo prepara un libro colectivo sobre o papel das mulleres na xestión do territorio e na prevención dos incendios no país. Leva por nome "Árbores que non arden: as mulleres na prevención dos incendios forestais". O GC fala con Miguel Pardellas, un dos seus impulsores, para poñer luz sobre a escuridade da muller no mundo forestal. "Que as mulleres teñan voz na xestión do monte axudaría a diversificalo a nivel produtivo e cultural", subliña.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 19/07/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

"Árbores que non arden: as mulleres na prevención dos incendios forestais". Este título suxerente dá nome ao novo libro colectivo do proxecto Batefogo, unha iniciativa de intervención social que propón compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural. Esta nova publicación, que anda buscando financiamento a través dunha campaña de micromecenado, introduce unha variable innovadora no marco da xestión do territorio e da problemática dos lumes en Galicia: a perspectiva de xénero.

Montes Veciñais en Man Común de Rebordelo. EUROPA PRESS - Arquivo
Montes Veciñais en Man Común de Rebordelo. EUROPA PRESS - Arquivo

Deste xeito, Batefogo pretende reverter "a invisibilidade da muller no mundo forestal", que é froito, coma en calquera outro ámbito, da estrutura patriarcal do sistema. A través da voz de autoras como Ana Cabana e Beatriz Rodríguez, ou de entidades como o Sindicato Labrego Galego e proxectos como Dexenero construción, "Árbores que non arden" quere ser o comezo dunha liña de investigación neste sentido; e se se consegue o financiamento necesario, ha saír á luz en outrubro deste mesmo ano. 

Reverter esta situación patriarcal na que pon o foco Batefogo implicaría dar o salto do rol de coidadora ao rol de dinamizadora. Máis comuneiras, máis mulleres axentes forestais, máis explotacións agrogandeiras de titularidade feminina... A todo isto apela Miguel Pardellas, membro do colectivo e licenciado en Ciencias Ambientais pola Universidade de Salamanca. A súa actividade investigadora e profesional está centrada na relación entre a Educación Ambiental e a Participación Social. E é, ademais, un dos xestores deste libro en proceso de creación. Eis a súa conversa co GC.

Foi o voso traballo sobre o terreo o que fixo que a variable de xénero fora adquirindo maior protagonismo. Con que realidade vos atopastes?

Nós dende o comezo do deseño do proxecto contemplabamos a variable de xénero como un dos aspectos a ter en conta. Pero como acontece en moitas ocasións non tiñamos ningunha ferramenta nin ningunha dinámica como para integralo de forma efectiva no traballo que estabamos a desenvolver. Porén, a medida que fomos traballando houbo dúas cousas que foron gañando peso e que fixeron "saltar o piloto": por unha parte, a invisibilidade da muller no mundo forestal, é dicir, non había mulleres no ámbito do forestal e moi pouquiñas no ámbito das comunidades de montes. Estaba invisibilizado o seu papel na xestión do territorio en xeral. Pero pola outra parte, atopámonos con que moitas iniciativas relacionadas coa dinamización comunitaria - que para os membros de Batefogo son iniciativas que nos parecen moi interesantes por todo o que achegan -, estaban lideradas por mulleres, desenvolvendo as cousas dun xeito distinto, de maneira innovadora.

Ilustración de Cestola na Cachola para o libro 'Árbores que non arden'.
Ilustración de Cestola na Cachola para o libro 'Árbores que non arden'. | Fonte: Proxecto Batefogo

Estes foron os dous elementos que nos fixeron dicir: "temos que poñer aquí o foco e pensar que é o que está pasando". Chegado ese momento, iniciamos unha busca documental e biográfica para coñecer cal é a situación a nivel de investigacións semellantes na relación entre prevención de incendios e xénero, e atopámonos con que tampouco hai nada, agás algunha pequena investigación no ámbito latinoamericano. Entón decidimos que xa que non había nada, por que non empezar a crear? E de aí nace este proxecto de libro colectivo que estamos agora intentando financiar.

"As mulleres sempre asumiron un rol de coidados, e pensamos que deben asumir un rol de dinamizadoras"

Que pode aportar a perspectiva feminista á loita contra os incendios?

Para nós hai unha continuación directa coa dinamización comunitaria. Dende o proxecto Batefogo contemplamos os incendios como un problema fundamentalmente social, máis alá de cuestións relacionadas co tipo de especies que se planten ou a forma en que se planten... Para nós a cuestión é máis estrutural: está relacionado co avellentamento, co despoboamento, coa masculinización do territorio... Neste aspecto, entendemos que o papel das mulleres na dinamización das súas comunidades ten que ser ser máis amplo. Sempre asumiron un rol de coidados, agora pensamos que deben asumir un rol de dinamizadoras dentro destes contextos para, non sei se buscar solucións absolutas, pero si, polo menos, buscar outro tipo de formas de facer fronte aos lumes.

Cal pensas que é a raíz desta falta de poder?

O que nos trasladaron as autoras que escribiron para o libro é que este problema está moi relacionado con toda a estrutura patriarcal que invisibiliza a muller en calquera ámbito. Loxicamente no ámbito do rural, que é onde nós traballamos, esta invisibilización tradúcese en cousas que se levan denunciando dende hai moitos anos: a escasa participación das mulleres nas comunidades de montes, a falta de explotacións agrogandeiras de titularidade feminina... O que non significa que non haxa mulleres que traballen nelas. Igualmente hai comuneiras, hai gandeiras, hai labregas, simplemente que estas non están visibilizadas. Este é o punto no que nós queremos poñer luz: por que están invisibilizadas, e sobre todo, como facer para revertir esa dinámica?

"A conflitividade social que se vive en Galicia nos 60 e 70 está protagonizada polas mulleres"

Concretamente cales son as tarefas que se lle asignaron tradicionalmente ás mulleres na xestión dos montes?

Na xestión do territorio o papel da muller cinguíase ao ámbito doméstico e á produción de alimentos a pequena escala, é dicir, o que sería a adquisición de produtos básicos para a supervivencia, dito moi simplificado. Mais a sociedade agrícola e agrogandeira tradicional galega tiña unhas características que cambian radicalmente a partir dos anos 60 e 70, e de feito, unha das autoras que participa no libro, Ana Cabana, comenta que a confitividade social que se vive en Galicia neses anos en relación ás plantacións que se desenvolven dende o Ministerio ou a outro tipo de ninstalacións industriais está protagonizada polas mulleres. Elas teñen un papel moi importante: non é que non protestaran e non se revelaran, simplemente que, coma sempre, é unha parte da historia silenciada e invisibilizada. 

Dende logo, con este traballo non pretendemos contribuír a dar continuidade ao rol de coidadoras exclusivo das mulleres, nada máis lonxe da realidade. O que queremos é poñer énfase en que é recomendable que elas lideren esa dinamización en zonas do rural que precisan outro tipo de iniciativas. E queremos tamén abrir a reflexión respecto de que se elas lideran, vai ter que haber unha serie de coidados que imos ter que asumir por parte dos homes.

Cando as mulleres lideran, hai unha maior preocupación pola dinámica dentro da comunidade, por implicar a toda a comunidade na xestión dun monte ou na xestión dun determinado territorio. Hai unha maior vontade por integrar, porque as decisións sexan o máis participadas posibles, por dar voz outros colectivos. Iso creo que é importante.

"Se elas lideran, vai ter que haber unha serie de coidados que imos ter que asumir os homes"

A raíz da tese de doutoramento de Beatriz Rodríguez sobre a percepción social do monte e os beneficios para a colectividade, dicíase que os homes só vían unha das producióna do monte – a madeira – e que as mulleres tiñan unha visión máis integral. Que as mulleres teñan voz e poder de decisión pode axudar a diversificar os usos dos montes?

Desde logo é unha das ideas que máis está aparecendo no que levamos recollido ata o de agora. Diversificación non só a nivel produtivo senón tamén no ámbito cultural, buscando outro tipo de iniciativas, outra forma de facer.

"A política do rural e forestal en Galicia sempre estivo en mans de homes"

Tamén botabades en falta mulleres nos cargos políticos.

Se houbera mulleres mudarían as dinámicas. Hai aí unha cuestión cultural: a forma en que somos e son educadas as mulleres afecta ao papel que cumpre na sociedade e na política. A política do rural e forestal en Galicia estivo sempre en mans de homes, por que non probar?

Cal é a maneira para rachar con este teito de cristal e alcalzar unha sociedade rural máis igualitaria?

Hai unha serie de cuestións que son moi difíciles de cambiar, sobre todo, as cuestións culturais que están moi afianzadas na sociedade. Pero pola nosa parte, o que nos gustaría facer sería crear espazos para as mulleres. Un dos traballos que facemos dende Batefogo é tentar habilitar espazos para a participacipación, onde sexan máis persoas quen tomen as decisións sobre como se xestiona o monte en clave de prevención de incendios. Ben, pois que eses espazos de decisión, polo menos, teñan unha participación igualitaria de homes e mulleres, e que, en canto a formato, as mulleres teñan espazos propios.

"Dende Batefogo tentamos habilitar espazos para a participación igualitaria de homes e mulleres"

Algunhas das preguntas que vos facedes na presentación da campaña de mecenado é se as mulleres non prenden, non apagan, non debaten... Hai datos concretos de cantas mulleres exercen na actualidade como comuneiras ou como axentes forestais?

Non, é unha das cousas que queda por facer. É por ese motivo polo que pensamos no libro como a forma en que comezar a abrir liñas de investigación. É necesario que se recompilen eses datos e esperamos que este sexa o primeiro paso. 

Xa para rematar, que acollida está tendo a proposta?

Ata o de agora moi ben, estamos sorprendidas por como está indo de rápida e estamos moi contentas, sobre todo pola repercusión que está adquirindo a iniciativa. Era un dos nosos obxectivos: que se falara das mulleres e prevención do incendios, que se pensara dende outro tipo de perspectivas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta