Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 18:23
Catorce concellos de Ferrolterra e Terra Chá reuníronse este xoves nas Pontes, respondendo á convocatoria realizada polo seu alcalde, Valentín González Formoso, para mostrar a súa preocupación polos 900 postos de traballo directos e indirectos que están actualmente en perigo pola inactividade desde hai dous meses na central térmica de Endesa nesta localidade, debido ao elevado prezo dos dereitos de emisión do CO2.
Nesta reunión houbo representación dos concellos de Ferrol, Fene, Narón, Neda, A Capela, San Sadurniño, Valdoviño, Ortigueira, As Somozas, Cospeito, Vilalba, Xermade, Guitiriz e Lugo, contando cos seus alcaldes ou integrantes dos equipos de goberno, que acordaron solicitar ao goberno central e á Unión Europea o "fin da especulación" no mercado destes fondos verdes.
Valentín González Formoso afirmou que o prezo destes dereitos subiu de 8 euros a 25 euros por tonelada "e especúlase que pode chegar ata os 35 euros", un prezo que, se se alcanza, non só vai afectar á central de Endesa nas Pontes, se non que tamén "a Alcoa, Arcelor e a todas as empresas industriais, nunha comarca que cada día está a perder máis empresas e industrias."
Este problema afecta directamente á cidade de Ferrol, porque a actividade da central térmica das Pontes supón o 50% do tráfico do porto ferrolán, "xerando emprego e actividade económica en toda a comarca", afirmou González Formoso.
Ao mesmo tempo, o alcalde das Pontes lembrou que Endesa está a investir 218 millóns de euros para adaptar a central térmica á normativa europea de emisións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.