Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/08/2019 | Actualizada ás 12:09
O secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, presentou a súa dimisión por motivos "estritamente persoais e profesionais", polo que agora será o comité executivo federal o que nomee unha dirección provisional.
Nunha rolda de prensa que comezou reivindicando unha televisión pública "para todos" (vestido coa camiseta de 'Defende a Galega'), Bouza anunciou a súa decisión, que xa comunicou ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao secretario xeral de Mocidades Socialistas no ámbito estatal e da que a militancia, dixo, xa era "coñecedora".
Respecto diso, subliñou que "non responde a ningunha cuestión política nin orgánica", senón que, de feito, é unha medida "coherente" coa "palabra dada" cando presentou a súa candidatura en novembro do ano pasado.
A executiva nacional designou este martes un comité electoral para preparar as eleccións, sen prazo establecido pero que o secretario xeral saínte entende que se realizarán "canto antes".
ORGANIZACIÓN "FORTE E UNIDA"
Na súa intervención ante os medios de comunicación, Bouza celebrou deixar unha organización "renovada, forte e unida", que sumou militantes nos últimos meses, segundo os seus datos, e que xerou agrupacións locais "activas", co obxectivo de contribuír a que o PSdeG goberne a Xunta tras os próximos comicios autonómicos.
Así, mostrouse convencido de que "o mellor que lle pode pasar a Galicia é que a Xunta deixe de ser a Xunta de Feijóo e os seus amiguiños" e valorou que "hoxe" a Comunidade galega "é socialista en parte grazas" ao traballo de Xuventudes.
Deste xeito, esperou "estar á altura" e incidiu en que neste momento "toca centrarse" no seu futuro profesional, convencido de que o líder do PSOE, Pedro Sánchez, e o do partido en Galicia, Gonzalo Caballero, encarnan a opción máis adecuada para "construír unha sociedade máis xusta e igualitaria".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.