Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2025 | Actualizada ás 18:41
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro, censurou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "siga estudando medidas" fronte aos aranceis cando "o futuro económico de Galicia está en xogo".
Besteiro lamentou este xoves que "seis días despois de pedirlle unha reunión" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para abordar as ameazas dos aranceis anunciados polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump, para os intereses dos galegos só obtivo como resposta "a súa negativa a sentar para abordar os problemas que afectan directamente á economía e ao futuro de Galicia".
Nun comunicado, o dirixente socialista censurou que para o PP de Galicia "as perdas e ameazas" que se sofren "non merecen coordinación nin resposta". "Eles aínda seguen estudando mentres o Goberno de España xa está a pór en marcha medidas de apoio", afirmou.
Besteiro asegurou que "é unha irresponsabilidade gravísima" e trasladou a Rueda que "en momentos críticos, Galicia necesita unión, diálogo e altura de miras".
"Un presidente que pecha as portas cando máis se necesita acordo, falta á súa responsabilidade e falta a Galicia", sostivo Besteiro, que instou ao presidente a porse el persoalmente á fronte desta situación. "Que deixe de minimizar os problemas e que explique de inmediato que medidas vai adaptar a Xunta para reforzar e complementar as accións do Goberno. Galicia non pode esperar", afirmou.
"O que vemos é que, unha vez máis, o señor Rueda prefire pór por diante os seus intereses partidistas, negándose a dar a cara porque Feijóo segue sen aclarar se vai estar ao lado dos sectores afectados ou se prefire a alianza con Vox", indicou.
Besteiro tendeu a man do PSdeG. "Pór Galicia por encima das siglas", sinalou para soster que "a pelota está no tellado de Rueda". "Pode seguir fuxindo ou pode empezar a actuar como un presidente de verdade", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.