Por Galicia Confidencial | | 20/09/2019 | Actualizada ás 12:12
Afundación, a Obra Social de Abanca, acolle este venres e sábado, na súa sede de Vigo, a celebración das IV Xornadas Galegas de Dislexia organizadas por AGADIX, a Asociación Galega de Dislexia.
A cerimonia de inauguración célebrase ás 16.30 horas, logo dunha presentación ante os medios na mañá deste venres coa participación da presidenta da Asociación Galega de Dislexia, Esther López Carbajales; os relatores Anita Pestana e Josep María Serra Grabulosa e Marta Fariña, asesora pedagóxica da Asociación Galega de Dislexia.
O obxectivo das IV Xornadas Galegas de Dislexia comeza por actualizar e compartir o coñecemento sobre as dificultades de aprendizaxe, sensibilizar a sociedade sobre as consecuencias emocionais de sufrir este trastorno e reducir a elevada taxa de fracaso escolar relacionada directamente coa abordaxe da dislexia e doutras DEA no ámbito escolar.
O programa desenvólvese en base á evidencia científica, a intervención no ámbito educativo, a lexislación vixente, o plano emocional e a intervención multidisciplinar da man de Luz Rello, Jon Andoni Duñabeitia, Josep M.ª Serra-Grabulosa, Helena Alvarado, Lorenzo Hernández, Anita Pestaña, Aitor Zenarruzabeitia, Elena Urtiaga, Marisol Caamaño, Adrián Maroñas, Marta Fariña e Esther López Carbajales.
AGADIX é unha asociación sen ánimo de lucro formada no ano 2006 por nais e pais de nenos con dislexia ante a necesidade de buscar información sobre esta dificultade de aprendizaxe e difundila entre a comunidade educativa e a sociedade en xeral, buscando a igualdade e a equidade na educación.
A dislexia é un trastorno de aprendizaxe de orixe neurobiolóxica caracterizado por unha dificultade específica e persistente na aprendizaxe da linguaxe escrita. Pódese manifestar en distintos graos chegando a ocasionar unha incapacidade total ou parcial para ler e escribir ao longo da vida. Estudos recentes estiman que afecta un 10 % da poboación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.