Galicia, cuarta comunidade con menor espera para operarse e terceira para a primeira consulta cun especialista

As listas de espera diminúen un 0,35 % en 2024 en toda España, con 846.583 pacientes sen operar a final de ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2025 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

O galego é o cuarto servizo de saúde autonómico con menor espera para unha cirurxía, cunha demora media de 67 días, mentres que para recibir unha primeira consulta cun facultativo especialista é a terceira, con 61 días. Son datos a 31 de decembro de 2024, publicados este mércores polo Ministerio de Sanidade en base ás cifras remitidas polas comunidades autónomas. A Xunta xa presentara os seus datos en rolda de prensa o pasado 7 de marzo, polo que só faltaba por coñecer o comparativo co resto de España.

Así, os datos a nivel estatal permiten comprobar que en Galicia había, ao peche do ano pasado, 48.335 persoas pendentes dunha intervención. A espera media dos galegos de 67 días é case a metade que a media española, situada nos 126 días. Só son mellores os datos da Comunidade de Madrid (48 días), Euskadi (59) e A Rioxa (64). Ademais, en Galicia o 3,9 % dos pacientes teñen que esperar máis de seis meses por unha operación, terceiro mellor porcentaxe, só por detrás de Madrid (0,3 %) e Euskadi (1,3 %)

Se se observa a espera dos procesos cirúrxicos suxeitos a garantías de tempo de espera no Sistema Nacional de Saúde (SNS), Galicia ten a quinta demora máis curta, con 65 días. A estatal é de 96. En canto ás consultas co especialista, o Sergas é o terceiro sistema con menor espera (61 días), por detrás de Euskadi (43) e Castela-A Mancha (60). Así mesmo, a porcentaxe de pacientes que están máis de 60 días pendentes dunha cita alcanza o 36 %, a segunda posición.

Médico consulta un historial clínico
Médico consulta un historial clínico | Fonte: Consalud.es - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta